Manuel Fariña acusa ao PP de querer volver ao ‘NO-DO’ ao promover unha recollida de sinaturas contra a celebración do Kálidas Primavera Fest por “non respectar” a Semana Santa
Caldas, 27 de marzo de 2026. O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, lamentou hoxe que o Partido Popular local estea en contra do Kalidas Primavera Fest, que este ano se vai celebrar na Semana Santa. O nacionalista destacou que o Concello vén de recibir un escrito de queixa que foi secundado e promovido por integrantes do PP por celebrar os concertos durante os días festivos, acusando ao goberno local de non respectar “a paixón e morte de Xesucristo”.
Fariña destaca que a organización do Kalidas Primavera Fest nos días da Semana Santa foi tomada pola Concellería de Cultura en acordo cos demáis actores implicados nas festas, de maneira estratéxica, para potenciar a chegada de público que tería complicación para acudir a Caldas noutras datas. O edil destaca que a programación en ningún momento pretendeu ser unha falta de respecto á tradición relixiosa, xa que na vila termal non se realizan procesións nocturnas nin outras actividades devotas que se puideran contraprogramar coa cita musical na localidade.
“A xente é moi libre de asistir a cantas celebracións relixiosas se celebren, alí onde se fagan. E dende o Concello respectamos todas as crenzas e decisións, como non podía ser doutro xeito. Que o PP promova recollidas de sinaturas contra o Kalidas, un dos evento que máis xente trae de fóra a Caldas cada ano, déixaos en evidencia. Está claro que aquí nós queremos poñer Caldas no mapa, mentres outros queren volver ao NO-DO”, subliña o concelleiro.
Fariña, que non entrou a valorar o número de sinaturas de queixa presentadas no Concello (94), si quixo destacar que o párroco de Caldas, co que hai unha grande relación dende o goberno local, non recolleu sinaturas na parroquia, desvinculandose dalgún xeito desta iniciativa de marcado corte político. O concelleiro de Cultura destaca que o escrito está rubricado principalmente por persoas integrantes do PP, e que as firmas están recollidas en negocios de familiares de concelleiros do PP así como do seu candidato. Subliña que a festa será multitudinaria e maioritariamente secundada pola veciñanza de Caldas e a comarca.
O responsable nacionalista no Concello lamentou que, na realidade, o PP está unicamente protestando pola celebración do Kalidas por motivos políticos, maquillándoos con argumentos relixiosos, só coa intención de crear crispación ficticia na localidade.
Subliñou, ademais, a incoherencia do Partido Popular, poñendo de manifesto que en Ribadeo, un concello gobernado por este partido e cunha grande tradición de procesións na Semana Santa, vaise celebrar o día 2, Xoves Santo, o ‘Camiño Norte Fest’ patrocinado pola Xunta de Galiza e o Xacobeo, coa actuación da orquestra Panorama, a mesma que actuará en Caldas ao día seguinte. “Resulta que en Ribadeo non hai falta de respecto á Semana Santa pola actuación da Panorama no Xoves Santo, pero en Caldas si. Cousas veredes”, cuestionou Fariña.
PROGRAMA
O ‘Kalidas Primavera Fest’ levarase a cabo do 2 ao 4 de abril, cambiando de nome e de formato, deixando atrás a denominación de ‘Festa da Primavera’. O xoves 2 de abril a festa comezará coa mestura de ritmos de El Combo Dominicano, que traerá á súa dianteira de renome, incluíndo a Kenneth, o finalista do Benidorm Fest, e pechará con Groove Amigos, DMiron e Carlos López.
O venres será a quenda de Panorama, unha das orquestras máis recoñecidas no circuíto, cun escenario de 63 metros, un equipo de son impresionante e grandes pantallas que obrigarán ao Concello a reforzar o subministro eléctrico para cubrir as necesidades de enerxía. Dáse a circunstancia de que a orquestra vén de cancelar a actuación que tiña de pago no aparcadoiro de Chanteclair este sábado 28, polo que se prevé que parte da xente que contaba con esa cita achegarase a Caldas como alternativa. O ‘Kalidas’ rematará o sábado coa actuación de Orquestra Saudade.
Todas as actuacións serán ás dez da noite no aparcamento da Tafona, con entrada totalmente de balde.