O BNG propón á Deputación cambiar o formato do Plan Extra e repartir os seus fondos como se fai co Plan + Provincia
27 de marzo de 2026. O BNG propuxo hoxe á Deputación cambiar o formato do Plan Extraordinario e repartir os seus fondos como se fai co Plan + Provincia. O voceiro César Mosquera subliñou que con esa modificación a institución evitaría litixios como os que previsiblemente vai ter polas reclamacións de Vilagarcía e Cambados ao ter quedado fóra das axudas.
Mosquera explicou que o Plan Extra, impulsado por primeira vez polo bipartito no mandato anterior, beneficiaba os proxectos maduros, de calidade e estratéxicos por concorrencia competitiva. Sen embargo, explicou, na última edición o goberno provincial aceptou 57 proxectos, estando 44 condicionados pola falta de trámites e informes. Quedaron fóra das subvencións Vilagarcía e Cambados por discrepancias no cumprimento das bases.
Segundo Mosquera, se realmente o goberno do PP quere conceder axudas a todos os concellos e abrir a man, a solución lóxica sería repartir os fondos dispoñíbeis igual que se fai co Plan + Provincia: non baremando a calidade dos proxectos, senón seguindo criterios obxectivos de poboación, extensión e outros parámetros fixos, obxectivos e automáticos, garantindo que cada concello saiba de antemán os recursos que lle serán asignados cada ano.
“A vía intermedia actual non leva a ningún lado”, advertiu Mosquera, quen subliñou que hai unha grande indefinición. Lembrou que anteriormente, dende 2015 ata 2023 tomárase a decisión de os proxectos seleccionados e subvencionados tiñan que estar listos para licitar, coas autorizacións sectoriais concedidas, debido á necesidade de executar os orzamentos.
“Realmente o cambio de formato -do Plan Extra- é un debate de fondo que se debería dar pola execución orzamentaria nos concellos”, dixo, subliñando que se debería ser esixente cos prazos de finalización e xustificación das obras para evitar continuas prórrogas. Apuntou que no caso das axudas do Estado e a Xunta, os concellos saben que non hai marxe a ampliacións de prazos, polo que normalmente cando se ven apurados ou renuncian a esas axudas ou deixan a tramitación dos proxectos da Deputación para o final.