Mosquera afirma que proxecto da EP-0503 en Moraña ten características técnicas pobres para un espazo delicado
27 de marzo de 2026. O voceiro do BNG na Deputación, César Mosquera, advertiu que o proxecto de variante á estrada provincial EP-0503 de Mané-Rebón en Moraña non conta coas autorizacións sectoriais de Patrimonio nin de Augas de Galiza. O nacionalista lembrou que o deseño desta vía fora desbotado polo anterior goberno bipartito porque fora aprobado polo PP en 2015 tras perder as eleccións, non contaba cos terreos necesarios e a perspectiva era que era imposíbel de autorizar por parte de Patrimonio polas súas graves afeccións.
O voceiro do BNG preguntou ao PP os motivos de non ter solicitado as autorizacións necesarias antes de aprobar hoxe o proxecto, xa que houbo tempo nos dous anos e medio de goberno dende o cambio na Presidencia. Indicou que a proposta para a estrada segue a ter os mesmos problemas que a plantexada na época de Louzán, ademais de que o orzamento aprobado nestes momentos non parece viábel, senón moi escaso, por ter solucións e característicos técnicas “pobres” para facer “unha actuación respectuosa co territorio e cos criterios de sustentabilidade actuais”.
Segundo Mosquera, o espazo no que se pretende construír é moi delicado, mais con todo plantéxase realizar viadutos de 9 metros de altura e grandes noiros que terán un grande impacto. “Veremos en que queda isto. A ver se volve pasar que se tira para adiante e hai que volver para atrás”, apuntou.
O nacionalista lembrou que no seu momento o goberno bipartito ofrecera proxectos alternativos que foran desbotados. Lembrou que Sanxenxo, que tamén tiña outro proxecto inexecutábel para a estrada provincial de Luís Rocafort, en lugar de seguir adiante coa proposta de Louzán, apostou polo cambio “e a solución quedou moito mellor”.