O programa Apego presenta a súa programación de primavera con máis de 20 actividades para familias de Pontevedra
Pontevedra, 30 de marzo de 2026. O Concello de Pontevedra vén de abrir o prazo de inscrición para a programación de primavera do programa Apego elaborada desde a concellaría de Normalización Lingüística. A oferta está composta por máis de 20 propostas divididas en dous proxectos: ‘Apego na primavara’ e ‘Seres máxicos da nosa mitoloxía’.
A través de apuntate.pontevedra.gal, as familias poder acceder aos formularios de solicitude para calquera das propostas que terán lugar entre abril e xuño, tendo en conta que terán prioridade as familias que forman parte de Apego. Calquera familia que viva no concello de Pontevedra e teña crianzas de 0 a 6 anos (ou vaia ter) pode sumarse ao proxecto a través do web apego.gal
O obxectivo destas actividades é proporcionar ás familias recursos e ferramentas para arroupar a crianza en galego, así como crear espazos onde tecer redes na nosa lingua. De aí que as actividades propostas vaian dirixidas ás nais e pais, tanto para darlles a coñecer recursos que sirvan para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, como para promover espazos de socialización en galego para as familias con nenas e nenos ata 6 anos.
O programa Apego na primavera, que comeza o 10 de abril, inclúe sesións de música, contos, movemento e xogos dirixidas a diferentes idades, desde bebés ata crianzas a partir de 4 anos. Entre as actividades destacan obradoiros de estimulación musical, cantacontos, propostas de danza ou ioga en familia ou experiencias creativas.
Pola súa banda, Seres máxicos da nosa mitoloxía, contará con 5 sesión entre o 12 de abril ao 14 de xuño da man de Colectivo Xurelo e Ab Origine. As actividades de 90 minutos de duración constarán dunha pequena explicación de carácter antropolóxico, un contacontos, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía, con acompañamento musical de Marcelo Dobode. Desenvolveranse en Cerponzóns, Lérez, Marcón, Tomeza e Salcedo.
Estas xornadas están pensadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa antropoloxía da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica, a través dos seres máxicos que habitan o noso imaxinario mitolóxico.