O Concello de Pontevedra anuncia a saída a concurso de 10 postos para reactivar o gastroespazo do primeiro andar do Mercado
Pontevedra, 30 de marzo de 2026. A concelleira responsábel de Mercados, Anabel Gulías, informouque o proceso para a adxudicación das autorizacións de xestión dos dez postos do gastroespazo do Mercado de Abastos publicarase de xeito inminente no Boletín Oficial da Provincia (BOP), co obxectivo de que os novos espazos estean a funcionar este mesmo verán.
Na súa comparecencia, a edil explicou que esta medida busca unha "reactivación inmediata" do primeiro andar do Mercado tras acometer diferentes melloras estruturais e de illamento térmico. O proceso público que se pon en marcha permitirá a ocupación de 12 casetas, que conformarán un total de nove postos comerciais e un bar.
A figura administrativa escollida para a xestión é a da autorización, unha vía moito máis flexible que a concesión, que se outorgará por un período dun ano, renovable por outro máis. A concelleira indicou que, aínda que a longo prazo o obxectivo é acadar unha estabilidade no equipamento e licitar unha xerencia externa para todo o espazo, decidiuse priorizar a saída destas autorizacións directas para non atrasar a posta en marcha do gastroespazo con novas obras estruturais.
As persoas interesadas deberán presentar unha memoria comercial e acreditar a súa solvencia técnica e económica, sendo suficiente con amosar relación co sector nos últimos tres anos. Os novos espazos poderán destinarse a diversas actividades relacionadas coa gastronomía ou o sector primario, como comidas do mundo, venda de sementes ou produtos ao por menor.
Condicións económicas e prazos
Un dos grandes atractivos desta convocatoria son as facilidades económicas para as persoas emprendedoras. As adxudicatarias terán que aboar un canon anual máximo de 357,72 euros, xunto cunhas taxas mensuais moi reducidas que oscilarán entre os 30 e os 60 euros ao mes, dependendo do posto.
Unha vez que o anuncio saia publicado no BOP (previsto para os próximos días), abrirase un prazo de 30 días hábiles para a presentación de proxectos, que posteriormente serán auditados e seleccionados en base aos criterios do prego. O Concello habilitou varias vías de contacto para atender as dúbidas das persoas interesadas: os teléfonos municipais (986804300) nas extensións 7432, 7433 e 7434; e o correo electrónico mercadoabastos@pontevedra.eu.
Apoio á hostelaría local: dúas casetas a maiores
A maiores desta licitación pública, Gulías anunciou unha novidade importante froito do grande éxito das recentes actividades de dinamización, como a experiencia gastronómica "Icewolf" que esgotou as súas prazas en apenas dous minutos.
O Concello reservará dúas casetas fóra de licitación para poñelas a disposición exclusiva da hostelaría local. O obxectivo é que os negocios da cidade poidan solicitar o uso deste equipamento, que conta con cociña e postos equipados, para promocionarse, diversificar a súa liña de negocio ou realizar diferentes experimentos gastronómicos.
Gulías concluíu a súa intervención salientando que con este "híbrido perfecto" entre novos emprendedores e negocios locais xa consagrados, o goberno aspira a que o Mercado de Abastos se converta definitivamente nun epicentro gastronómico e nun espazo de referencia para a actividade cultural da cidade.