Abraldes reúnese coas empresas da zona de Sequeiros para buscar solucións aos seus problemas de saneamento
Barro, 29 de outubro de 2021. O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdez. Abraldes, reuniuse coas empresas do polígono privado de Sequeiros e con representantes de empresas e edificacións situadas neste entorno, que lle trasladaron a deficiencia do sistema de depuración dos que dispoñen na actualidade coa intención de buscar solucións a esta problemática.
O polígono privado de sequeiros dispón dun sistema propio de depuración de augas residuais que no futuro se pode manifestar como insuficiente diante dalgunha actividade nova que se puidese instalar neste polígono.
Os propietarios de outras edificacións e empresas das inmediacións do polígono tamén están tendo problemas cos seus sistemas de depuración propios, o cal os leva a buscar unha solución definitiva para o tratamento das súas augas residuais.
No encontro, Abraldes informoulle da planificación municipal para a mellora do servizo de saneamento coa construción dunha nova EDAR central que dea servizo ás parroquias que actualmente carecen de rede de saneamento, mais esta nova estación de tratamento non suporá unha solución nin a curto nin a longo prazo para este polígono privado e as edificacións anexas.
Para o Goberno municipal, e así llo trasladou o alcalde, a solución máis viábel para esa zona é a derivación das augas residuais cara a depuradora de Pontevedra e Abraldes comprometeuse a facer as xestións necesarias diante do Concello de Pontevedra, para ver a posibilidade de utilizar a súa rede de saneamento, e diante tamén de e Augas de Galicia para utilizar a EDAR que a Xunta xestiona na Ría de Pontevedra.
Se a resposta a estas solicitudes fose positiva, o Concello de Barro comprométese a asumir a redacción dun proxecto que as empresas mostraron disposición de financiar e de buscar axudas económicas doutras administracións para poder executalo e acadar así unha solución definitiva aos seus problemas de saneamento.