Barro adxudica a redacción do proxecto construtivo da nova EDAR municipal no lugar do Carballal
Barro, 28 de outubro de 2021. A Xunta de Goberno local de Barro adxudicou o proxecto de redacción da nova EDAR municipal no lugar do Carballal á empresa Cuartazona Ingeniería S.L., por ser a que presentou a mellor oferta económica sobre un orzamento base de licitación de 44.788,09 euros, que se financiará con fondos propios municipais.
A elaboración deste proxecto é un chanzo máis no obxectivo do Goberno municipal de estender este servizo á maior parte das vivendas do concello xa que, a día de hoxe, exceptuando a veciñanza do núcleo urbano, só teñen acceso á rede de sanemaento de augas residuais poucas vivendas da parte rural do municipio.
Hai dous anos o Alcalde asinaba a compra por valor de 53.000 euros dunha parcela no lugar do Carballal de máis de 7.000 m2 a carón da N-550, cuxa localización está avalada por un estudo técnico, para albergar unha EDAR moderna que dea servizo a todo o Concello e que, ademais, poida ter capacidade para máis vivendas que das actuais, contemplando a posibilidade de crecemento a longo prazo do municipio.
O Goberno municipal márcase como obxectivo prioritario unha vez finalizada a redacción deste proxecto a búsqueda de financiamento doutras administracións para que sexa unha realidade o máis pronto posíbel.