TITIRIVEDRA, DO 14 AO 19 DE XULLO NA ALAMEDA E NO TEUCRO
A 14 edición de Itineranta traerá a Pontevedra 14 dos mellores espectáculos de rúa
Pontevedra, 9 de xullo de 2025. O ciclo Itineranta celebrará este ano a súa 14a edición. Catorce anos, catorce ocasións de atopar nas rúas e prazas do centro da cidade a sorpresa, a emoción e o espectáculo. Promovido polo Concello de Pontevedra dentro do programa das Festas de Verán, e coordinado e dirixido por Troula, Itineranta é a día de hoxe unha cita clásica da tarde-noite pontevedresa, e un dos eventos máis agardados polo seu xeito de ser e celebrar, aproveitando as características únicas da cidade para transformar o centro nun auténtico escenario de fantasía onde pode todo pasar.
Itineranta desenvolverase entre o 16 e o 18 de xullo, nas rúas e prazas do centro histórico, a través dunha serie de percorridos que poden ser consultados no programa oficial da propia actividade e que será repartido ao longo dos vindeiros días. Entre as 20.00 e as 23.00h, veciñanza e visitantes poderán baixar á rúa e vivir cos seus ollos o que é este ciclo.
A edición deste 2025 conta con dez espectáculos distintos, realizados por nove compañías diferentes, todos eles estreas na cidade, agás o de Pachamama, de Troula, que se ben xa participou en Itineranta, chega reinventado e reformulado.
O 16 de xullo, mércores, será posíbel gozar de tres propostas: Los aguadores, de Almozandia Teatro (Zaragoza); Chimizayaguas, de Tchyminigagua (Bogotá); e Alien's Foc, de Producciones Scura (Vila-Real). Cada xornada pecharase cun espectáculo pirotécnico que non está recomendado para colectivos vulnerables aos efectos de son e luz.
A segunda xornada, a do xoves 17, estará formada por Very big pulga, de Asaco Producciones e Cirko Psikario (Navalmoral de la Mata e Fuenlabrada); Diminuts, de La Fam (Vila-Real); e Pachamama, de Troula. Itineranta dirá adeus até o vindeiro ano o 18 de xullo con Olympics, de Nacho Vilar Producciones e Yllana (Murcia e Madrid); Disco Funk, de K de Calle (Zaragoza); Merograde, de Brincadeira (Barcelona); e Nomadesh, de La Fam (Vila Real).
O edil de Festas, Demetrio Gómez, fai un chamamento a toda a cidadanía a gozar deste ciclo, que sempre supón un sopro de aire fresco, talento e diversión para a cidade; e que se bote ás rúas para achegarse ás compañías e xerar un ambiente conxunto e colectivo que xere emocións e sorpresas.
Titirivedra, a máxia dos monicreques
Entre o 14 e o 19 de xullo, Pontevedra acollerá Titirivedra, o festival internacional de monicreques, en dous espazos emblemáticos: a alameda e a praza do Teucro. En total serán oito espectáculos a cargo de sete compañías de Galiza, Portugal e España.
Sesións de tarde na Alameda
Os espectáculos da alameda, aptos para todos os públicos, comezarán ás 19 h. e serán os seguintes:
- Luns 14. Mamulendo Capiroto, de Lafontana Formas Animadas (Portugal)
- Martes 15. Palhinhas, a história de um espantalho (Portugal)
- Mércores 16. A Cuba, de Títeres Alakrán (Galiza)
- Xoves 17. A toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabeza, de Xanela do Maxín (Galiza)
- Venres 18. The Picoole Theatre, de Trécola (Galiza)
- Sábado 19. Pinocho, de Títeres Cachirulo (Galiza)
Sesións de noite para público adulto na Praza do Teucro
Os espectáculos para adultos comezarán ás 22 h. na praza do Teucro, e serán os seguintes:
- Luns 14. Trigedias de amor y cuernos, de Teatro Arbolé (España)
- Martes 15. O ferreiro e o diaño, de Títeres Alakrán (Galiza)