THE RAPANTS’ E ‘REBELIOM DO INFRAMUNDO’ ACTUARÁN ESTE SÁBADO, 12 DE XULLO, A PARTIR DAS 21:30 NO PEIRAO DE ARCADE

Soutomaior aposta pola mellor música en galego do momento para os seus Concertos de Verán

Soutomaior aposta pola mellor música en galego do momento para os seus Concertos de Verán

Soutomaior, 9 de xullo de 2025. O Peirao de Arcade converterase o sábado, 12 de xullo, nun dos epicentros musicais do noso País, despois de que o Goberno de Soutomaior programase senllos concertos das bandas ‘The Rapants’ e ‘Rebeliom do Inframundo’, dous dos grupos máis recoñecidos na actualidade dentro do panorama músical galego.

Os ‘Concertos de Verán’, como deu en chamar o Goberno de Soutomaior a esta xornada, comezarán ás 21:30 horas cunha sesión DJ de ‘A Duendeneta’. Ás 22:00 horas dará inicio o concerto de ‘The Rapants’. O grupo orixinario de Muros vén de encher esta mesma semana a explanada da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Unha actuación á que asistiron milleiros de persoas e que pon de manifesto que ‘The Rapants’ é un dos principais grupos de música en galego da actualidade.

Ás 00:00 horas será a quenda do grupo vigués ‘Rebeliom do Inframundo’, con máis de 10 anos de experiencia e un habitual do panorama festivaleiro na Galiza. Aos dous concertos, que serán abertos ao público totalmente de balde, sumarase unha zona gastro para que as persoas asistentes poidan comer e beber sen ter que desprazarse do lugar das actuacións; así como unha serie de actividades complementarias que terán lugar durante o transcurso dos concertos.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes concertos son unha nova mostra da aposta que fai o Goberno local pola promoción e difusión de galego en todos os ámbitos. Tamén demostra que este Goberno programa para os públicos de todas as idades e que ten en conta todos os gustos”.

“Ter unha axenda de actividades tan completa e extensa como a de Soutomaior ao tempo que realizamos a maior cantidade de investimentos da historia do noso concello é posible grazas a unha xestión económica que rompe todas as previsións e que nos permite destinar os cartos dos nosos veciños e veciñas a mellorar a súa calidade de vida e que poidan desfrutar do mellor concello e dos mellores barrios posibles”, engadiu Manu Lourenzo.

Para concluír, o alcalde convidou a que “todas e todos vos acheguedes este sábado ata o Peirao de Arcade. Non só para escoitar a mellor música do País, senón tamén para descubrir todo o que ten por ofrecer esta paraxe natural tan espectacular como é o final da Ría de Vigo, con praias a menos de 5 minutos a pé da zona dos concertos, unha oferta de restauración de gran calidade e un moi bo ambiente para todas as idades”.

Soutomaior aposta pola mellor música en galego do momento para os seus Concertos de Verán