TENTA SABOTEAR AS AXUDAS PARA A REHABILITACIÓN DA CARBALLEIRA
Manuel Fariña acusa a "Umia Vivo" e ao seu presidente de ser "o brazo armado do PP de Caldas"
Caldas, 9 de xullo de 2025. O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, criticou duramente á asociación ‘Umia Vivo’ e ao seu presidente, Xesús Rodríguez, acusándoos de actuar como o “brazo armado do Partido Popular” nun intento de sabotear o acceso do Concello de Caldas ás importantes axudas concedidas para rehabilitar a Carballeira. Segundo explica o nacionalista, a asociación, nunha campaña para boicotear ao goberno local, presentou ante o goberno central unha ‘denuncia’ alertando sobre un suposto dobre financiamento por acumular subvencións que, segundo Fariña, “non existe”. “Todo o que din é unha falacia sen fundamento”, advirte o nacionalista.
Fariña afirma que a acción de ‘Umia Vivo’ é un intento deliberado de prexudicar politicamente ao goberno municipal e por extensión a toda a veciñanza de Caldas, poñendo en risco a chegada de fondos vitais para o desenvolvemento local “con tácticas desleais e engañosas”.
O responsable nacionalista explica que o Concello presentou o proxecto para rehabilitar a Carballeira ás axudas con cargo ao 2% cultural do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana do goberno central, conseguindo 760.000 euros para a actuación. Posteriormente, recoñece o edil, o Concello tamén presentou a iniciativa a outra liña de axudas co fin de optar a unha subvención máis substancial duns 1,5 millóns de euros proveniente dos Fondos Next Generation da Unión Europea, xestionada a través do Ministerio de Industria.
O concelleiro sinala que, como a segunda axuda tamén foi concedida, e dado que podía haber incompatibilidades entre ambas, o goberno local optou por aceptar a de maior contía, de 1,5 millóns, e renunciar á primeira.
“A denuncia de Umia Vivo non só é infundada, senón que tamén pon en perigo o futuro de nosa Carballeira e, polo tanto, o patrimonio e a identidade de Caldas”, afirma indignado Fariña, quen subliña non entender que tipo de intereses partidistas existen por parte da asociación para alertar aos ministerios implicados dunha duplicidade de axudas que non existe.
“Salvo para ‘malmeter’, facerlle o traballo sucio de oposición ao Partido Popular, e liar ao Concello nun embrollo administrativo con tácticas desleais, non se entende este movemento. O Concello ten agora que destinar medios e persoal dos que anda escaso para xustificar os trámites, solicitudes e renuncias que están ben feitas”, advirte o edil.
“Umia Vivo, e nomeadamente Xesús Rodríguez, a súa cabeza visible, teñen que sacar a careta: o seu único obxectivo é facer o posible, liándoa, para que Caldas perda as subvencións da Carballeira e deixar en mal lugar ao goberno local”, destaca Fariña, quen ao mesmo tempo se amosa tranquilo “porque dende o Concello se fixo toda a tramitación das axudas seguindo os pasos establecidos de maneira correcta: non hai dobre financiamento por ningún lado”.
“Estamos a traballar para asegurar os fondos que beneficiarán a toda a veciñanza, e non permitiremos que intereses partidistas interfiran no noso progreso”, sinala o tenente de alcalde, que destaca que o Concello ten xa preparadas as explicacións para o goberno central e, de maneira paralela, está tamén a dar pasos para contratar os traballos da rehabilitación.
Como xa se anunciara, o Concello de Caldas de Reis ten nestes momentos a súa maquinaria administrativa a pleno funcionamento para sacar adiante o gran proxecto para poñer en valor a Carballeira e o Xardín Botánico como ‘Museo aberto 24/7’. En breve rematarase o procedemento de licitación da asistencia técnica para planificar a experiencia turística e os detalles museográficos do espazo.