O Goberno dá por resolto o permiso de Adif para o proxecto de Mollavao

César Mosquera
César Mosquera
O Goberno dá por resolto o permiso de Adif para o proxecto de Mollavao

Pontevedra, 8 de xullo de 2025. César Mosquera confirmou que o permiso de ADIF para o proxecto de Mollavao está resolto e que a Deputación de Pontevedra debería recibir pronto o permiso necesario para poder dar un paso adiante neste proxecto. Así lle foi transmitido en Madrid á senadora do BNG, Carme da Silva, desde o Ministerio. “Non vimos aínda o permiso, nin temos a confirmación da Deputación, pero se desde Madrid din que está resolto, confiamos na súa palabra e así debe estar”, indicou. 

Liberar o espazo que ocupa a DXT na Xunqueira

Doutra banda, Mosquera lembrou que o Concello leva tempo en conversas coa Dirección Xeral de Tráfico co obxectivo de liberar o espazo que o organismo estatal ocupa na xunqueira da Gándara. “Levamos tempo con este tema e xa estivemos vendo a posibilidade de mover o Centro de Exames cara outro sitio”, sinalou. “Tivemos xa resposta oficial por escrito, que prevén utilizar os terreos do polígono do Campiño, que mesmo lles sobraría terreo polo que o Concello podería seguir tendo parte do mesmo. A vía está aberta, haberá que ir negociando, pero en principio a intención é poder liberala”. 

Terreos da DXT na Xunqueira
Terreos da DXT na Xunqueira

Mosquera explica que haberá que “mirar a fórmula xurídica” finalmente para que eses terreos situados na xunqueira da Gándara pasen a titularidade municipal. “O importante é que desde a DXT ven con bos ollos esta mudanza, e sinalan que non terían inconvinte en trasladar as súas instalacións sempre que o Concello ofreza uns terreos cunhas características que permitan a actividade que agora acollen. É unha boa noticia, e un avance significativo na recuperación deste espazo natural”. 

Cómpre indicar que a DXT, dentro das súas condicións, non contempla facerse cargo do custe de demolición das construcións existentes e da renaturalización, mais o edil pontevedrés explica que iso “haberá que negocialo” e “ir avanzando”. “O noso horizonte está aí e é ver toda a xunqueira libre destas concesións”. 

O Goberno dá por resolto o permiso de Adif para o proxecto de Mollavao