O PP renuncia a exercer as súas competencias para impedir a consolidación de Ence na ría
Pontevedra, 12 de xuño de 2013.A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha Proposición non de lei relativa á redacción, tramitación e aprobación pola Xunta de Galiza dunha modificación da disposición adicional terceira do Plan de ordenación do litoral.
A parlamentaria explicou que as directrices do Territorio aprobadas no ano 2011 e o Plan de Ordenación do litoral aprobado por Decreto no mesmo ano, inciden no proxecto sectorial aprobado pola Xunta (declarado ilegal por varias sentenzas) para o asentamento industrial de Lourizan, ENCE e no complexo industrial contaminante de ENCE-ELNOSA) polo que reclamou a súa modificación.
O PP traballa para que ENCE fique en Lourizán
Para a deputada, o Goberno galego renuncia a exercer as competencias de Galiza e mantense brando á hora de poñer condicións claras a ENCE. Pola súa parte, explicou, a empresa utiliza publicidade con contidos como: reducimos o impacto oloroso e visual e pedimos a arquitectos de todo o mundo ideas para mellorar a integración paisaxística, coa intención de influír positivamente no ánimo do Presidente da Xunta á hora de permitir a consolidación na ría en Pontevedra a pesar de que llo impide a propia lexislación.
Prado afirmou que todo demostra que o Partido popular non ten intención algunha de sacar a Ence da ría e devolver os terreos usurpados á Ría de Pontevedra. Dende o BNG "esiximos mudar a redacción do Plan de Ordenación do Litoral para que a permanencia máxima de Ence remate a 31 de xullo do ano 2018.
O PP non escoita as demandas da cidadanía e rexeita modificar o Plan de Ordenación do litoral
Pedimos a modificación, dixo, en atención ao interese público e en resposta ás demandas da cidadanía de Pontevedra e Galiza, reclamando, a través do Parlamento galego, instar á Xunta a inmediata redacción, tramitación e aprobación dunha modificación da disposición adicional terceira do Plan de ordenación do litoral co fin de establecer a data límite 2018 para o traslado de ENCE tras trinta anos de concesión.
Neste sentido preguntou se o Partido popular quere ou non quere que Ence abandone a ría no ano 2018 polo que solicitou o voto favorable á iniciativa nacionalista. Na votación, o PP impediu que prosperara a Proposición non de lei do BNG.
A nacionalista, cualificou de penoso ter que reclamar no Parlamento que o Goberno galego exerza as súas competencias, máis ben parece, dixo, que temos un goberno de ocupación que despreza as competencias recollidas no propio Estatuto de Autonomía e as sentenzas do Tribunal Constitucional nesta liña.
A deputada do BNG concluíu criticando que o Partido popular defenda os intereses das grandes empresas por riba dos intereses de Galiza.