Pontevedra acolle a programación de "Maio, mes da Lingua"

Pontevedra acolle a programación de "Maio, mes da Lingua"

Pontevedra, 6 de maio de 2024. O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, presentou a programación completa de ‘Maio, mes da lingua’, un conxunto de actividades construídas ao redor da conmemoración do Día das Letras Galegas, entre as que se inclúen concertos musicais, espectáculos teatrais, certames orais ou presentacións culturais. 

“É unha programación moi colectiva, realizada en colaboración con oito entidades pontevedresas que traballan na Boa Vila a prol da lingua”, sinalou Gómez. “Prestaríame destacar que todas fan un esforzo realmente importante para que esta programación poida ser realizada, amosando o seu amor polo galego e por conseguir o obxectivo que todos e todas temos neste caso: que o galego sexa unha lingua normal en Galiza e que a poidamos utilizar en calquera eido”. 

Demetrio Gómez salientou a creación da nova revista xuvenil ‘Xeración Alfa’, que xorde a través da colaboración do Concello de Pontevedra co xornal Nós Diario, e que a revista chegará a todo o alumnado de ensino secundario de Pontevedra, namentres que na súa presentación, este 7 de maio, no CITA, ás 19.30 horas. 

A programación comeza o 10 de maio co concerto en forma de duelo de bandas, no conservatorio Manuel Quiroga, ás 19.30 horas. A programación continúa coas seguintes actividades: 

Sábado, 11 de maio - Ben Veñas, Maio. Certame musical e entrega de premios de todos os certames // Ás 18 horas, no Teatro Principal. 

Xoves, 16 de maio - Concerto Agora: Sun-Iou // Ás 12.30 h no CEIP Campolongo // Organiza o CEIP Campolongo 

Venres, 17 de maio - Festa da Lingua // Ás 20.30 h desde a praza da Peregrina, ruada con banda de gaitas // Ás 21 h na praza da Pedreira, concertos de Os Vacalouras e Catuxa Salom // Coa colaboración da asociación cultural A Pedreira 

Sábado, 18 de maio - Festa da Lingua: xogos populares, Peter Punk, banda de gaitas e libros viaxeiros // Ás 11 h na rúa Serra // Coa colaboración da asociación cultural A Pedreira

Sábado, 25 de maio - Traficantes de verbas, con Aventeira // Ás 12 h na Illa do Covo // Para crianzas de 8 a 12 anos, sen inscrición previa 

Sábado, 25 de maio - Falemos como galegas, con Migallas. Espectáculo teatral // Ás 17 h no centro cultural de Monte Porreiro // Coa colaboración do centro cultural de Monte Porreiro // Entrada libre ata completar a cabida 

Domingo, 26 de maio - Bótalle un conto. Final // Ás 17 h no Teatro Principal // Entrada libre ata completar a cabida 

Luns, 27 de maio - Correlingua // Ás 10.30 h desde a alameda // Coa colaboración da asociación cultural Correlingua e CIG-Ensino 

Xoves, 30 de maio - Que viva o galego!, con Migallas // Ás 18 h na alameda // Para crianzas de 4 a 6 anos // Programación do Apego na primavera, require inscrición previa 

Venres, 31 de maio - Recepción ás asociacións de peche de Maio, Mes da Lingua // Ás 20 h no primeiro andar do Teatro Principal 

Sábado, 1 de xuño - Os monstros tamén teñen sentimentos, con Aventeira // Ás 12 h na Casa Azul // Para crianzas de 8 a 12 anos, sen inscrición previa

Sábado, 8 de xuño - Entrega dos Premios Mil Primaveras // Ás 19.30 h no Pazo da Cultura // Coa colaboración da CTNL // Entrada libre ata completar a cabida

O concelleiro de Normalización fíxolle un chamamento a toda a sociedade pontevedra para “poder desenvolver esta programación” con éxito. Ademais, lembrou que durante a recepción fixada o día 31 de maio, o Concello de Pontevedra fará entrega de varios lotes de libros da autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Luisa Villalta. “É un acto que nos presta realizar, pois é importante que lle deamos difusión á obra desta autora, quedando os seus libros nas mans da veciñanza pontevedresa”. Os libros que se agasallarán serán mercados nas librarías da cidade. 

Pontevedra acolle a programación de "Maio, mes da Lingua"