Poio, Concello pioneiro na galeguización das tramitacións policiais

Marga Caldas
Marga Caldas
Poio, Concello pioneiro na galeguización das tramitacións policiais

Poio, 10 de xuño de 2020.- O Concello de Poio será pioneiro á hora de galeguizar a xestión e os trámites que desenvolve habitualmente a Policía Local. Todos os integrantes do corpo de seguridade municipal participaron nun curso formativo específico, impartido polos responsables de XesPol, unha ferramenta que os axentes levan utilizando desde o pasado verán e que sirve para axilizar a elaboración de todo tipo de dilixencias. A partir de agora, o dispositivo estará tamén en galego.

Poio é o primeiro municipio de Galiza que adopta esta medida. Unha vez finalice o proceso, a Policía Local poderá redactar os partes e tramitacións en galego, algo que ata o de agora non era posible. A titular da área de Protección Cidadá e Normalización Lingüística, Marga Caldas, explica que “ se trata dun feito moi importante, xa que supón un paso máis para normalizar a nosa lingua a nivel institucional”.

Cómpre lembrar que a Policía Local de Poio adheriuse a Xespol en agosto de 2019. Foi entón cando o Concello asinou o convenio cos responsables desta ferramenta, que conta con máis de 300 documentos de todo tipo e conecta con máis de 40 bases de datos diferentes. Isto axuda a reducir de xeito drástico os tempos de tramitación de atestados e partes, o que redunda na efectividade do labor dos axentes. 

Poio, Concello pioneiro na galeguización das tramitacións policiais