Máis de 1000 escolares participan en "Sabi@ Caldas", a semana da cultura científica de Caldas

Máis de 1000 escolares participan en "Sabi@ Caldas", a semana da cultura científica de Caldas

Máis de 1.000 alumnas e alumnos dos centros de ensino de Caldas de Reis están a participaron nunha nova edición da Semana da Cultura Científica ‘Sabi@ Caldas’, tanto no programa ‘Pequeciencia’ como nas exposicións de experiencias científicas escolares que tiveron lugar no Xardín Botánico e o Paseo Román López. A actividade, organizada pola concellería de Cultura que dirixe o BNG, conta coa participación de todos e cada un dos centros de ensino da vila termal.

O concelleiro responsable de Cultura, José Manuel Fariña, destaca que con esta iniciativa “queremos fomentar o interese pola ciencia entre o alumnado e facilitar o desenvolvemento do seu espírito investigador e o traballo en equipo, poñendo en práctica ao mesmo tempo a súa capacidade de divulgación cos experimentos que comparten co estudantado doutros centros e coas veciñas e veciños de Caldas”. 

Caldas de Reis celebra a Semana da Cultura Científica ‘Sabi@ Caldas’ dende 2017 como homenaxe a Francisco José de Caldas, científico ilustrado colombiano de orixe caldense e fillo adoptivo da vila -coñecido como ‘Sabio Caldas’-, co obxectivo da divulgación da cultura científica entre veciñanza e escolares. Con motivo desta figura da vila científica o Concello de Caldas está irmanado co municipio colombiano de Villamaría e colabora coa rexión do Departamento de Caldas en numerosas universidades e institucións científicas dese país. 

Linguaxe inclusiva

O pasado ano, cando a Semana da Cultura Científica de Caldas se dedicou ás mulleres científicas pasou a denominarse ‘Sabi@ Caldas’ para, en lugar do nome masculino, incluír tamén o feminino e poñer en valor a todas as mulleres científicas que foron silenciadas ao longo da historia. 

José Manuel Fariña subliña que “unha das vantaxes da semana da ciencia é que permite rapazada aprender de maneira práctica e divertida. Os experimentos científicos que fan nas aulas con motivo desta celebración permítenlles a rapazas e rapaces poñer en práctica conceptos científicos e ver como funcionan na vida real dunha maneira máis persoal, interactiva e próxima. Ademais, permítelles desenvolver a súa curiosidade e a súa creatividade e involucrar a nais, pais e veciñanza na aprendizaxe ao ter que facer as súas exposicións na rúa”. 

Máis de 1000 escolares participan en "Sabi@ Caldas", a semana da cultura científica de Caldas