O PARQUE DA PARDA PASARÁ A SER O MÁIS GRANDE DA CIDADE

Lores preséntalle aos colectivos veciñais e empresariais da Parda os proxectos xa en marcha que cambiarán radicalmente o barrio

Lores preséntalle aos colectivos veciñais e empresariais da Parda os proxectos xa en marcha que cambiarán radicalmente o barrio

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polos concelleiros Xaquín Moreda, Alberto Oubiña e Anabel Gulías, mantivo o martes, 19 de marzo, unha reunión con representantes da Asociación de profesionais e pequenas empresas da Parda, ademais da asociación de veciños do nomeado barrio, para presentarlles os proxectos do novo parque e pavillón da cidade. 

En palabras de Fernández Lores, foi esta unha reunión moi produtiva, na que puido amosar e conversar sobre os futuros proxectos para o barrio, que inclúen a construción dunha zona verde de enormes dimensións, como é o parque da Parda, así como a construción dunha nova zona de estancia sobre as vías do tren na rúa 12 de novembro. 

“Quixemos presentarlles este proxecto de vital importancia para a cidade, ademais, claro, de escoitar as súas demandas”, indicou. “Falamos dun proxecto que xa está en tramitación, que recollerá cuestións como a mellora xeral dun barrio cheo de xente nova a través deste parque, e que tamén acollerá no futuro un pavillón de competición deportiva para escala, ximnasia e outras disciplinas cubertas”. 

O rexedor lembrou que o futuro parque da Parda, cun investimento de 5,5 millóns de euros, será o máis grande da cidade e transformará totalmente o aspecto dun espazo de máis de 30.000 metros cadrados. Contará ademais con zonas de aparcadoiro próximas aos xulgados. “Temos xa unha partida reservada no orzamento do ano pasado e asinaremos un convenio coa Deputación para que o proxecto vexa a luz”, indicou. 

Dentro das demandas recollidas, o alcalde destacou a petición da posta en valor dos distintos comercios, debullándose a posibilidade de facelo a través dunha guía comercial da zona, achegándolles os establecementos á veciñanza.

Lores preséntalle aos colectivos veciñais e empresariais da Parda os proxectos xa en marcha que cambiarán radicalmente o barrio