Introducindo a defensa da lingua na cotidianiedade da xente

Introducindo a defensa da lingua na cotidianiedade da xente

PASO PEONS II-webPontevedra, 31 de maio de 2016. "Se aínda somos galeg*s é por obra e gracia do idioma" e "Na fala galega vive a ialma da nosa terra" son as dúas frases escollidas para intervir os pasos de peóns e as prazas públicas dos concellos da provincia e achegar á cidadanía a loita pola defensa da lingua tanto de Castelao como das Irmandades da Fala. Así o explicou esta mañá o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación do primeiro exemplo na contorna da Praza de San Xosé de Pontevedra. Leal estivo acompañado pola deputada Eva Vilaverde e polos concelleiros de Mobilidade, Luis Bará, e de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, así como pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. A iniciativa, segundo sinalou Xosé Leal, consiste en achegar á cidadanía os dous centenarios máis significativos deste ano, o da fundación das Irmandades, e o da chegada de Castelao a Pontevedra.

"Queremos que esta acción sexa un punto de inflexión a nivel lingüístico para que a xente se involucre no que era historicamente a defensa da lingua, que sigue sendo unha opción que hai que seguir defendendo hoxe en día, e introducilas na cotidianeidade da xente" afirmou Xosé Leal durante a presentación. Sinalou que a frase de Castelao, "se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma", está tirada do 'Sempre en Galiza'; mentres que "na fala galega vive a ialma da nosa terra" forma parte do himno orixinario das Irmandades, redactado por Manuel Lugrís. Leal explicou que "a idea dos pasos de peóns é porque permite que quede enfrontada a frase das Irmandades coa de Castelao, e pode lerse cada unha segundo o lado da rúa pola que se comece a cruzar."

"Nunha cidade como Pontevedra na que a mobilidade é tan representativa estaba moi ben comezar coa primeira intervención nesta boa vila" asegurou o deputado de Cultura e Lingua. Anunciou ademais que se intervirá un segundo paso de peóns na mesma contorna, xusto no que se sitúa enfronte do Café Moderno.

Unha escolla na que tamén afondou o concelleiro de Mobilidade, Luis Bará, asegurando que "desde o concello buscouse un espazo próximo á figura de Castelao, ao lado do Café Moderno, que é un dos espazos do roteiro Castelao da cidade, onde el tivo tanta participación e protagonismo". Luis Bará tamén fixo fincapé na necesidade de "reivindicar ese ideario da xente que se comprometeu naquel momento na defensa do país" en referencia á fundación das Irmandades da Fala, que en Pontevedra cumprirá o centenario de dita fundación a comezos de decembro. O concelleiro aproveitou, ademais, para poñer en valor este tipo de accións sinalando  "parécenos importante levar estar figuras e estas temáticas á rúa, saír ao encontro da xente nos espazos públicos".

Na presentación tamén estiveron presentes representantes de Rei Zentolo e de Caramuxo, os encargados de facer o deseño e executar a acción. Leal asegurou referíndose a eles que "temos deseñadores moi relevantes na provincia e en todo o país e tamén temos que poñer en valor as súas potencialidades a través destas accións máis achegadas á arte urbana, e que nos permite que estas dúas efemérides teñan máis actualidade e se axusten á linguaxe de hoxe en día".

Pola súa banda, os deseñadores explicaron que utilizaron una tipografía moderna que parte da mítica do grupo Nós de Castelao, pero adaptada ao formato da plantilla e ao xeito da arte urbana. Tamén incluíron unha chiscadela á tradición galega ao introducir un trisquel para substituír a arroba ou o asterisco na palabra "galeg*s" e así respectar e simbolizar a igualdade de xénero no uso do idioma.