Bará afirma en Pontecesures que "un goberno do BNG será o mellor aliado dos concellos"

Bará afirma en Pontecesures que "un goberno do BNG será o mellor aliado dos concellos"

Pontecesures, 17 de xaneiro de 2024. Dentro da xira por toda a provincia, o candidato do BNG, Luís Bará estivo en Pontecesures, onde foi recibido pola alcaldesa Maite Tocino. Alí, nunha contorna de equipamentos educativos, deportivos, sociais e culturais, Bará destacou que o BNG na Xunta será un aliado dos concellos para poder desenvolver as súas necesidades, respondendo así á petición da rexedora nacionalista. 

Esta salientou que Pontecesures está á espera de axuda da Xunta para poder ampliar o polideportivo, que actualmente queda pequeno para o uso dos clubes, o CPI, as escolas deportivas municipais e outras actividades. Sinalou que hai un proxecto e necesidade de financiamento dos dous millóns de euros nos que está valorada a obra, sen que haxa movementos por parte do actual goberno galego para colaborar. 

Tamén mencionou Tocino a necesidade dunha cuberta para o patio do CPI para que poida ser utilizado no inverno, así como o vital apoio para a construción dun novo centro sociocultural e auditorio, xa que Pontecesures é o único concello da comarca no que non hai un equipamento destas características. “Queremos desenvolver unha programación cultural atractiva, e dar resposta tamén ao noso tecido asociativo, que é moi amplo”, destacou a rexedora, que insistiu en que nestes momento non hai espazos de uso para estas iniciativas. 

Bará destacou que o BNG con Ana Pontón á fronte propón solucións para Galiza e as preocupacións e necesidades da xente, polo que pediu o apoio da cidadanía para un cambio para acadar a “mellor Galiza”. Insistiu en que estas son as eleccións máis abertas en 14 anos e que o futuro goberno da Xunta decidirase por poucos votos, polo que chamou a concentrar no Bloque esa “corrente de cambio imparable” que se detecta na rúa. 

“Ana Pontón é a candidata de todas as persoas que queren cambio, desa maioría plural e diversa”, subliñou, asegurando que o BNG é a forza máis útil para as galegas e os galegos e así o ten demostrado en todas as administracións nas que está presente. “Este é o momento do cambio. É o momento en Galiza porque podemos gañar ao Partido Popular se todas as persoas que queren cambio collen a papeleta do BNG, se non se perde nin un só voto”, insistiu.

Bará afirma en Pontecesures que "un goberno do BNG será o mellor aliado dos concellos"