Desbloqueadas as conexións do saneamento de Verducido para dar servizo a toda a parroquia

Desbloqueadas as conexións do saneamento de Verducido para dar servizo a toda a parroquia

Pontevedra, 16 de febreiro de 2024. O Concello de Pontevedra vén de desbloquear o saneamento de Verducido que levaba atrancado varios anos ao non ter permiso de todos os particulares polos que atravesan as canalizacións. A concelleira do rural, María Xosé Abilleira mediou nesta situación para que a empresa Viaqua, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento do Concello, puidera rematar esta intervención. A autorización permitirá conectar arredor de 100 vivendas dos lugares de Verducido e Covadáspera.

A adxudicación do servizo de abastecemento e saneamento do Concello á empresa Viaqua permitiu que o Concello de Pontevedra puidera realizar a obra de enxeñería máis importante realizada na súa historia: dotar de saneamento a todas as vivendas do rural pontevedrés. Este investimento (só o saneamento) está a superar os 25 millóns de euros e depende, en moitos casos, da autorización de particulares para atravesar as súas leiras, como é no caso de Verducido.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ten comentado nestes anos que ver o rural saneado era "un soño" por ser, tal vez, a necesidade máis reclamada polos residentes nas parroquias, así como para acadar a obriga municipal de contribuír á mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas.

Tamén ten aclarado que este investimento millonario só se podería executar dan man da colaboración veciñal, xa que sería imposible para o Concello asumir o custe expropiatorio das leiras polas que teñen que discurrir as tubaxes do saneamento. Fronte a esta situación, a alternativa foi xestionar por parte de Viaqua a autorización de ducias de particulares para deixar pasar as canalizacións polas súas leiras.

Esta foi a situación de Verducido durante moitos meses e vénse de resolver nestes días grazas a mediación da concelleira do rural María Xosé Abilleira e a colaboración dun propietario que acaba de autorizar o paso do saneamento pola súa leira.

O saneamento de Verducido está proxectado en dúas fases e valorado en máis de 4,7 millóns de euros. A primeira fase está practicamente rematada e pendente de conectar (investimento: 2.428.982,77 €) e a segunda (investimento: 2.359.146,64 €) poderá comezar agora unha vez recibida a autorización do particular. Este permiso era necesario para poder conectar a primeira fase e a segunda, e darlle saída a todo o saneamento.

Ademais, con esta autorización e as obras pertinentes, poderase dar servizo de inmediato aos lugares de Verducido e Covadáspera, onde poderán conectarse arredor de 100 vivendas das cales 69 xa teñen solicitada e executada a conexión ao saneamento.

Unha vez rematada a conexión da primeira fase, Viaqua presentará o proxecto da segunda fase no Concello para ser aprobado e iniciar os traballos para poder conectar a unas 200 vivendas.

O alcalde informou de primeira man aos veciños do estado do saneamento a través dunha carta enviada a todos os domicilios de Verducido.

Santo André de Xeve

Encauzado o saneamento de Verducido, o Concello xa traballa en desbloquear o saneamento de Santo André de Xeve, no lugar de Fragoso, que tamén está pendente de permisos. Santo André de Xeve ten dous proxectos de ampliación do saneamento valorados en algo máis de 5 millóns de euros. A zona sur (en execución) ten un custe de 2.376.789,68 euros, e a zona norte (pendente dos permisos), de 2.672.613,77 euros.

Con estas dúas parroquias solventadas, a totalidade do saneamento do rural estaría encauzada e en distintas fases de execución (en proxecto, en obra ou en asfaltados finais) ou ben rematados.

Desbloqueadas as conexións do saneamento de Verducido para dar servizo a toda a parroquia