O Concello de Pontevedra oferta á Xunta terreos para a construción de vivenda pública

O Concello de Pontevedra oferta á Xunta terreos para a construción de vivenda pública

Pontevedra, 7 de maio de 2024. O Concello de Pontevedra retoma unha serie de vías de colaboración coa Xunta de Galiza e co Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción de vivenda pública na cidade, anunciou o edil de urbanismo, Alberto Oubiña. 

«Semella que co cambio producido na consellaría agora a Xunta está aberta á construción dun maior número de vivenda pública, algo para o que desde o Concello de Pontevedra sempre ofreceremos a máxima colaboración posíbel, todas as facilidades para que así se leve adiante», explicou Oubiña. «De feito, estamos tramitando a licenza para a construción de 74 novas vivendas de promoción pública en Valdecorvos. O expediente está moi avanzado, os servizos técnicos teñen xa os informes favorábeis e só faltaría unha pouca documentación desde a Xunta que de seguro se entregarán nas vindeiras semanas e poidamos conceder esta licenza». 

O edil quixo afondar na idea de establecer unha nova vía de colaboración entre as administracións local e autonómica, «facilitando o traballo de construción de nova vivenda pública», polo que desde o Concello de Pontevedra se ofertarán até 7 parcelas para tal uso: 

  • Unha parcela en Valdecorvos (cunha edificabilidade de 7.500 m2), actualmente adicada a estacionamento. Calcúlase que ofrecería espazo para 54 vivendas. 
  • Unha parcela na Unidade de Actuación 7, mazá 46G (zona da antiga Tafisa), con 5.800 m2 de edificabilidade 
  • Unha parcela na rúa da Barca, no número 45. Serían uns 735 m2 edificábeis. 
  • Unha parcela na rúa Amado Carballo, con 1.000 m2 de edificabilidade 
  • Unha parcela na rúa das Devesas, na zona da Parda, na UA 15. 1.500 m2 de edificabilidade 
  • Unha parcela na UA 18, na rúa Poza dos Canos, con 1.000 m2 de edificabilidade 
  • A última das parcelas estaría situada nunha zona cun proxecto pendente de desenvolver, na Finca do Teucro. Contaría cunha edificabilidade de 1.900 m2. 

«De xeito paralelo, queremos amosarlle á Xunta toda a nosa dispoñibilidade para recibir unha serie de parcelas que estaban pendentes xa de recepción por parte dese convenio malogrado do ano 2008», indicou o concelleiro. Estas parcelas están situadas no barrio de Monte Porreiro, que inicialmente ían ser usadas para a construción de vivenda —uso que xa foi rexeitado—, mais funcionan xa como zona verde, polo que a súa transferencia debería formalizarse neste novo capítulo. 

Tal e como sinalou o edil, os servizos técnicos remitiron o informe coas sete parcelas ofrecidas para que a Xunta de Galiza estude a viabilidade dos proxectos que estime. «Sería unha moi boa noticia a posta en marcha de 170 novas vivendas protexidas para a nosa cidade. Desde logo cremos que contribuiría a reducir o prezo da vivenda e a contelos», finalizou. 

O Concello de Pontevedra oferta á Xunta terreos para a construción de vivenda pública