O Concello de Pontevedra prepara unha modificación de crédito de carácter técnico

O Concello de Pontevedra prepara unha modificación de crédito de carácter técnico

Pontevedra, 10 de maio de 2024. O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, informou que Pontevedra prepara  unha modificación de crédito, que esta non será unha modificación «ao uso» como as que foron aprobadas nos últimos anos, senón que terá un carácter «eminentemente técnico». González comentou que á hora de facer esta modificación teranse en conta tres criterios básicos: que os proxectos a incluír estean maduros —un proxecto de obra, por exemplo; unha memoria de subvención, ou unha sentencia—; no referido á finalidade, que sexan compromisos firmes xa adquiridos que precisen financiamento; e, por último, acordos plenarios aprobados por unanimidade. 

«Queremos facer unha modificación na que haxa consenso para as tres forzas políticas que integran a corporación», indicou o edil. «Eliminamos calquera vestixio de confrontación, calquera proxecto que poida significar conflito ou meterlle o dedo no ollo a outra forza política». 

Porén, González destacou que non se está a traballar cun documento pechado, todo o contrario: é un documento aberto á espera das aportacións que realicen os dos grupos políticos da oposición (PSOE e PP). «Estas aportacións poderían ser tanto á hora de engadir como á hora de retirar algunha cuestión concreta porque lles parece que non hai consenso sobre a materia», explicou. 

Que cousas en concreto ten previstas incluír na modificación o Concello de Pontevedra? As obras de emerxencia, por exemplo, tales coma o arranxo do pavillón de Marcón ou o arranxo da cuberta do edificio de Michelena 30 ou da Casa da Luz; ou as actuacións na gardería da Parda. Tamén aparecerían sentencias firmes como a expropiación a realizar na rúa Bibiano Fernández Osorio- Tafall, ou o pago por parte do Concello á Xunta de Galiza dos anos 21-22 polas garderías do Campus, Monte Porreiro e A Parda. 

No referido aos acordos plenarios, están contempladas accións como a dotación dunha partida para as subvencións dos clubs deportivos da cidade. Tamén o acordo unánime de dotar de pavimento (ou renovar) a rúa das Pereiras; ou dotar de fondos á obra de Rosalía de Castro. 

«Temos máis proposta, pero serán faladas cos outros dos grupos da oposición. Nomeei estas porque non creo que xeren ningún tipo de discordia», indicou o edil. «Calculamos que dos 22 millóns que temos de remanentes para poder utilizar, utilizaremos un 40 %, de xeito aproximado, uns 9,5 millóns de euros. Aínda quedarían 12 millóns e pico para vindeiras modificacións de crédito».

O Concello de Pontevedra prepara unha modificación de crédito de carácter técnico