Cerdedo e Cotobade: unha fusión a escuras

Nace o novo Concello de Cerdedo-Cotobade, sen diálogo, sen participación social e ocultándolle ao pobo información básica, como a débeda de máis de 500.000 euros que acumula Cerdedo

Cerdedo e Cotobade: unha fusión a escuras

Vén de materializarse a morte do concellos históricos de Cotobade e Cerdedo.

Ábrese, pois, unha nova etapa xunto aos veciños e veciñas cerdedenses onde a xestora presidida por Jorge Cubela deberá cumprir coas promesas feitas: baixada de impostos, garantir os colexios públicos, manter os centros médicos, revertir o crecemento poboacional negativo, fixar poboación xoven, elaborar un pxom, manter os servizos administrativos e o rexistro civil nas dúas casas consistoriais, continuar na zona xudicial de Pontevedra, mellorar a rede viaria, sacar adiante o polígono empresarial de Salgueirós...

Dende o BNG agardamos que todas estas promesas poidan ser cumpridas e non remate todo nun proceso de desleixo a modo de cantos de serea con acordes panfletistas do PP. Despedimos a Cotobade sendo coñecedores de que Balseiros incorpora a este novo concello unha administración cunha débeda de 540.000 euros escondida que, tanto el como Cubela, mantiveron ocultas apo pobo. 

“Cerdedo-Cotobade nace cunha escura sombra de débeda demáis de 500.000 euros ocultada a propósito á poboación”

Cun engano tras outro o PP culminou un proceso aberto o 23F dun xeito escuro, partidista, interesado, chantaxista, oportunista, e sen diálogo algún cos pobos que din representar. Os veciños e veciñas lembrarán este momento histórico coas dúbidas propias de que non tivo acceso a información e ao que se lle negou o dereito a ser consultados nunha decisión tan trascendental.

Dende o BNG queremos agradecer aos veciños e veciñas tanto de Cotobade coma de Cerdedo, así coma á Plataforma Anti-Fusión, que loitaron cóbado a cóbado unindo esforzos persoais e materiais para manter a forte e intensa loita democrática contra este proceso totalitarista durante todos estes meses.

O desánimo non será a nosa forma de aceptar a fusión. Damos a nosa benvida aos veciños e veciñas de Cerdedo. A loita contra o caciquismo continúa!!