Carme da Silva reivindica a creación da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra e o calmado de tráfico e a humanización da N-550 en Soutomaior

2023-07-02 12.21.10
Carme da Silva reivindica a creación da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra e o calmado de tráfico e a humanización da N-550 en Soutomaior

Soutomaior, 2 de xullo de 2023. A candidata do BNG por Pontevedra ás vindeiras eleccións xerais do 23X, Carme da Silva, acompañada de integrantes das corporacións municipais de Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa, reivindicou na mañá de hoxe en Arcade a creación da Vía Verde entre o núcleo de Soutomaior e a vila do Lérez, así como o calmado de tráfico e a humanización da N-550. Da Silva criticou a pasividade alterna dos gobernos centralistas ante as necesidades da veciñanza da zona e salientou que será preciso un grupo galego forte do BNG en Madrid para que “Galiza conte” e se dean solucións ás peticións.

Da Silva destacou a necesidade de que se melloren moitas das infraestruturas viarias estatais na provincia por ser inseguras e non seguir un modelo axeitado cando discorren por núcleos urbanos como é o caso de Soutomaior. No caso concreto desta vila, subliñou a nacionalista, a estrada supón un grande impacto e fragmenta o núcleo en dúas partes -xunto coa vía do tren- e ademais non presta un servizo axeitado á veciñanza. 

Apuntou que a N-550 é unha das estradas máis perigosas de Europa, polo que o BNG considera imprescindible unha actuación que inclúa calmado de tráfico e a construción de rotondas na entrada e saída de Arcade, a humanización do treito correspondente coa rúa Castelao, e a creación dunha senda peonil que coincida co paso do Camiño de Santiago. 

A nacionalista lembrou que a petición vén de vello e que o BNG presentan anualmente emendas aos orzamentos para incluír os fondos necesarios para esta actuación, sen éxito, “porque PSOE e Podemos votaron en contra, ao igual que antes o PP”. “Nós dende o BNG apostamos por unha mobilidade segura e sustentable, apostamos e necesitamos un Soutomaior cun modelo claro que priorice ás persoas. Para iso precisamos ser determinantes no Congreso, para condicionar a política do Estado en favor de Galiza, para deixarmos de estar discriminados”, insistiu.

A candidata do BNG por Pontevedra critica o esquecemento dos partidos centralistas e salienta a necesidade dun grupo galego forte do BNG no Congreso tras o 23X para que “Galiza conte” 

Por outra banda, Da Silva tamén destacou que o BNG levará de novo ao Congreso a demanda histórica da creación dunha Vía Verde entre Arcade e Pontevedra, que permitiría unha mobilidade sustentable e activa entre a vila e a capital. Salientou que a pesares de que no 2021 a entón Secretaria de Estado abrira unha porta á construción da senda peonil e ciclista coa desafectación das vías agora en desuso, o tema “volveu quedar no caixón” sen que dende o Goberno central se tiveran dado pasos adiante para que a Vía sexa unha realidade. 

Da Silva subliñou a necesidade das actuacións para converter Soutomaior nun concello no que, da man do actual goberno municipal nacionalista liderado polo alcalde do BNG Manu Lourenzo, se aposte por unha mobilidade sustentable. Destacou que é preciso poñer en valor a coherencia do BNG fronte ás forzas centralistas, que se alternaron á hora de rexeitar as peticións da veciñanza e das preguntas e emendas nacionalistas. 

Insistiu en que o Bloque “representa a diversidade e a pluralidade da sociedade galega e pediu que todas e todos os que lle queren ao país se convertan  “no motor de cambio que asegure un grupo galego forte en Madrid para rachar co bipartidismo que ate agora teimou na desatención das necesidades da nosa veciñanza”.

Carme da Silva reivindica a creación da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra e o calmado de tráfico e a humanización da N-550 en Soutomaior