O BNG de Pontevedra colle forzas para afrontar a recta final da campaña

O BNG de Pontevedra colle forzas para afrontar a recta final da campaña

Pontevedra, mércores 14 de febreiro. O equipo de campaña do BNG fixo un alto aproveitando o festivo local e reuniuse esta mañá para tomar un vermú nun local da rúa Riestra. Estiveron presentes o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e todo o seu equipo, a senadora, Carme da Silva, así como as candidatas de Pontevedra Marta Gómez, Vitoria Canoura e Manuela Portas xunto a un amplísimo grupo de militantes e simpatizantes que están colaborando “para que esta sexa a campaña máis intensa de todas cantas levamos feitas”, segundo recoñeceu o alcalde. 

Nun ambiente de emoción contida, Miguel Fernández Lores dirixiuse aos seus compañeiros e compañeiras para pedirlles un esforzo final: “estamos diante da oportunidade histórica de termos, por primeira vez, unha muller na presidencia de Galiza e non hai que dar nada por feito. Temos que percorrer cada recanto de Pontevedra e falar con cada veciña e cada veciño para construírmos esa Galiza grande que supere a parálise que nos deixa o goberno de Rueda”. 

O equipo de campaña do BNG, encabezado polo Alcalde Lores e as candidatas locais, reuniuse hoxe mércores para coller forzas de cara á recta final da campaña. No encontro respirábase a emoción de “ter o cambio galego a unha presada de votos”. 

Asemade o Alcalde de Pontevedra, referiuse tamén a sensacións que lle produce a Xunta xestionada polo PP de Rueda, da que afirmou que se nota que non ten ideas nin proxecto nin ilusión para mellorar a vida dos galegos e das galegas. “Teño a completa seguridade de que cun goberno encabezado por Ana Pontón na Xunta, Pontevedra non ten límites”. 

Pola súa banda, Marta Gómez agradeceu a todas as persoas reunidas o “tremendo esforzo que estades a facer nesta campaña. Nunca vera unha implicación tan grande no Bloque e nunca sentira tantos azos nas rúas. Case vemos xa a Galiza en grande de Ana Pontón, pero fáltanos un derradeiro esforzo estes días: que ninguén vos diga que non fixestes todo o que está nas vosas máns para que Galiza sexa o país mellor co que soñamos”. 

Tamén tomou a palabra Vitoria Canoura que lembrou a ilusión que se respira nas rúas de Galiza polo cambio galego: “o domingo 18 as galegas e os galegos saben que teñen na papaleta do BNG a mellor candidata, saben que con Ana Pontón Galiza vai mellorar. Quédannos moi poucos días para transformar esa ilusión nunha realidade” 

O BNG de Pontevedra colle forzas para afrontar a recta final da campaña