O PROXECTO LEVA PARALIZADO DENDE 2014

O BNG pide que se dote de orzamento a Variante de Alba

PO-225 ao seu paso por San Caetano
PO-225 ao seu paso por San Caetano

O BNG, a iniciativa de Luís Bará, vén de presentar unha serie de preguntas e unha proposición non de Lei para que o vindeiro ano se acometa a conexión norte de Pontevedra: PO-531-N-550, máis coñecida por Variante de Alba, unha infraestrutura imprescindíbel para a mobilidade na zona norte do Concello.

O BNG pide que se dote de orzamento a Variante de Alba

O BNG, a iniciativa de Luís Bará, vén de presentar unha serie de preguntas e unha proposición non de Lei para que o vindeiro ano se acometa a conexión norte de Pontevedra: PO-531-N-550, máis coñecida por Variante de Alba.

Trátase de unha infraestrutura imprescindíbel para a mobilidade da zona norte de Pontevedra, que:

  • permitiría contar con unha conexión directa e coas condicións técnicas acaídas para conectar as estradas de Vilagarcía e Santiago. 
  • posibilitaría o desvío ao norte da cidade de unha grande cantidade de vehículos pesados que actualmente atravesan a cidade polas rúas Domingo Fontán, Xoán Manuel Pintos e Avenida de Compostela 
  • evitaría os accidentes que se producen na ponte do ferrocarril da estrada PO 225 debido ao seu gálibo e 
  • permitiría darlle outro uso á estrada P0 225 e resolver os problemas de mobilidade accesibilidade e seguranza peonil e clclista en todo o seu trazado, e especialmente nun treito á altura de San Caetano polo que discorre o camiño Portugués e que é extremadamente perigoso. 

Unha demanda histórica

Ninguén pon en dúbida a necesidade e a urxencia de acometer esta variante, que se recolleu, xa en 2005, nas conclusións para a mobilidade na cidade de Pontevedra da Mesa polas Infraestruturas M4, que reuníu a Concello de Pontevedra, Xunta de Galiza, Ministerio de Fomento e Deputación.

Con posterioridade, en 2009, a propia Xunta de Galiza incluíu esta infraestrutura no Plan Move (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica), con un orzamento estimado de 575.000 euros.

En xuño de 2012 a Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou á consultora Enxeñería do Noroeste a redacción do proxecto de trazado e de impacto ambiental. Ese mesmo mes, a consellaría aseguraba que o proceso estaría rematado antes de que rematase ese ano.

En maio de 2013 a administración galega comezou o procedemento de consultas ambientais e, un ano despois, fixo público o orzamento que ascendía a 6.930.000 euros, para unha estrada de catro carrís de circulación (dous en cada sentido) e unha mediana central de un metro. Cabe salientar, a este respecto, que a Xunta non informou en ningún momento ao Concello de Pontevedra sobre o trazado e as características do vial, e que o Concello defende unha alternativa de dous carrís -ampliábeis no futuro-, que sería considerabelmente máis barata e tería un menor impacto na contorna.

Un proxecto paralizado dende 2014

Dende 2014 até agora non houbo ningún trámite administrativo nin ningunha decisión política para aprobar e executar un proxecto que quedou gardado no caixón das promesas repetidas e incumpidas dos gobernos do sr. Núñez Feijoo.

É por este motivo que o BNG vén de presentar unha proposición non de lei para que se axilice e impulse a construción da Variante de Alba, mediante:

  • a aprobación definitiva do proxecto (previa consulta coas administracións e as entidades relacionadas co seu ámbito) 
  • o inicio do trámite de exposición pública e demais procedementos previstos na lexislación, e 
  • a dotación no orzamento da Xunta para 2017 dunha partida que permita a licitación da obra nesa anualidade.

Ao mesmo tempo, Luís Bará insta á Xunta a que, complementariamente, desenvolva as actuacións encamiñadas a mellorar a mobilidade e a seguranza de peóns e ciclistas na estrada PO-225, nomeadamente no treito en San Caetano polo que discorre o camiño portugués.