Soutomaior inicia o segundo proceso de contratación de persoal
Soutomaior, 8 de maio de 2024. O Concello de Soutomaior inicia esta semana o segundo proceso de contratación de persoal, polo que se incorporarán ao cadro de persoal 4 peóns forestais, 2 varredores e 1 albanel. Xa en marzo tivo lugar a primeira fase de contratación, na que se incorporaron 6 peóns forestais, 2 varredores, 2 albaneis, un posto de auxiliar administrativo e outro posto de auxiliar de biblioteca. Así, nas vindeiras semanas o noso concello contará con 17 persoas traballando nas rúas. O obxectivo do Goberno de Soutomaior con estes procesos de contratación é dar un mellor servizo á veciñanza.
Ademais, de cara aos meses de verán, Soutomaior incorporará máis peóns forestais e varredores, polo que no período estival o concello contará con máis de 20 persoas levando a cabo labores de limpeza de vías, varrido, rozado de maleza e albanelería. Esta cifra supón un notable incremento con respecto ás 3 persoas coas que unicamente contaba o Concello de Soutomaior en setembro do ano pasado. Unha situación herdada pola xestión do anterior goberno e que facía imposible garantir a mínima eficiencia na prestación de servizos municipais.
A contratación de todo este persoal que se incorporará nas vindeiras semanas correrá a cargo de fondos propios do concello e de liñas de axuda da Deputación de Pontevedra e da Xunta. Neste sentido, e grazas ao traballo das funcionarias municipais e á xestión eficiente do equipo de goberno, Soutomaior accedeu a máis axudas para a contratación de persoal, o que supón un incremento exponencial dos traballadores e traballadoras que prestan servizo á veciñanza de Soutomaior.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “sabemos que é imposible chegar a todos os lugares do concello que precisan de mantemento de maneira inmediata, pero grazas á xestión do equipo de goberno e ao traballo do funcionariado, hoxe por hoxe Soutomaior é un concello mellor, cun proxecto claro e definido e coa mellor brigada de obras que nunca tivo, que traballa para que a nosa veciñanza desfrute do mellor concello posible”.