O BNG alerta sobre a proposta do PP de construción dunha Plataforma loxística entre Pontevedra e Vilaboa
Pontevedra, 7 de maio de 2024. O pasado xoves 2 de maio, a portavoz do PP na comisión de industria do parlamento galego, Cristina Sanz, afirmou que o PP defendía como alternativa da plataforma loxística ou Porto Seco do Porto de Marín terreos situados entre Pontevedra e Vilaboa. A citada portavoz empregaba este argumento para rexeitar a proposta de crear unha plataforma loxística nos terreos de Leborei, en Cerponzóns.
No ano 2014 a Xunta desbotou unha proposta similar, formulada polo PP de Pontevedra, para crear unha área loxística de 72 hectáreas en terreos situados entre a vía férrea e o río dos Gafos-Tomeza-Toxal, nas parroquias de Bértola e Tomeza. Velaquí a ubicación e as características da proposta formulada polo PP en 2010.
Segundo Luís Bará, “Unha infraestrutura destas características é unha proposta absolutamente aberrante, que afectaría ao ENIL do río dos Gafos, ao ámbito de protección doutras infraestruturas viarias, ao Camiño Portugués e a outros proxectos de desenvolvemento da zona”.
Luís Bará: “o goberno galego debe aclarar se ten algún plan ou proxecto para dotar o Porto de Marín dunha plataforma loxística e se baralla a posibilidade de construir esta plataforma de solo industrial e de intercambio de mercadorías nas inmediacións do río dos Gafos-Tomeza-Toxal”.
Polo tanto, logo do “globo sonda” lanzado o pasado 2 de maio pola portavoz do PP, o BNG considera que “o goberno galego debe aclarar se ten algún plan ou proxecto para dotar o Porto de Marín dunha plataforma loxística e se baralla a posibilidade de construir esta plataforma de solo industrial e de intercambio de mercadorías nas inmediacións do río dos Gafos-Tomeza-Toxal”.
O deputado por Pontevedra e portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, presentou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a impulsar as seguintes medidas:
- Elaborar un estudo para a dotación na área de Pontevedra dunha plataforma loxística que garanta a intermodalidade e o desenvolvemento do Porto de Marín.
- Desbotar como emprazamento desta plataforma loxística os terreos das parroquias de Tomeza e Bértola situados nas inmediacións do ENIL do río dos Gafos-Tomeza-Toxal.