VENRES 26 ÁS 20.30 H. NO MULTIUSOS DE ARCADE

O BNG organiza un acto en Soutomaior para falar da importancia da Atención Primaria

O BNG organiza un acto en Soutomaior para falar da importancia da Atención Primaria

Soutomaior, 24 de abril de 2024. O BNG levará a cabo un acto informativo sobre a importancia da Atención Primaria este venres, 26 de abril, a partir das 20:30 horas, no Multiusos de Arcade. Baixo o título, ‘A importancia dunha Atención Primaria forte e con recursos’, no acto falarase sobre a situación actual de precariedade na que vive a sanidade pública galega, con especial énfase na Atención Primaria, como consecuencia das políticas de recortes que durante anos leva a aplicar o PP na Xunta de Galiza. 

No acto intervirán Iria Carreira, deputada do BNG no Parlamento Galego e médica de familia; Carmen Núñez, concelleira e portavoz do BNG en Tui e tamén médica de familia; e Gonzalo Otero, membro do BNG de Soutomaior. Ademais, no acto o BNG tamén seguirá coa recollida de sinaturas en defensa da sanidade pública de toda a veciñanza de Soutomaior. 

O BNG anuncia máis iniciativas na rúa, no concello e no Parlamento galego de cara ás vindeiras semanas 

O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, animou á veciñanza a asistir ao acto deste venres, xa que “será unha magnífica oportunidade de coñecer cal é a situación real da sanidade pública galega da man de dúas profesionais do sector sanitario, e como lle afectan aos veciños e veciñas os recortes que o PP na Xunta leva anos a impoñer en toda Galiza”. “Uns recortes dos que somos ben coñecedores aquí en Soutomaior, onde levamos máis dun ano e medio sen pediatra e moitos anos cunha cantidade evidentemente escasa de persoal e recursos no centro de saúde de Arcade”, sinalou José Costas. 

O responsable local do BNG tamén sinalou que “levamos moitos anos a traballar a carón da veciñanza para defender a nosa sanidade pública. Nas últimas semanas iniciamos unha nova campaña con diferentes iniciativas, como este acto informativo ou a recollida de firmas, e que se vai seguir prolongando ata que o PP en Soutomaior e na Xunta deixen de facer oídos xordos e escoiten as demandas de toda a veciñanza do noso concello. Estaremos na rúa, no concello da man do Goberno de Soutomaior e no Parlamento galego para deixarlle ben claro ao PP que non lle imos permitir acabar coa sanidade de toda a veciñanza de Soutomaior”. 

O BNG organiza un acto en Soutomaior para falar da importancia da Atención Primaria