O BNG insiste en que Cerdedo-Cotobade debe contar con servizos de emerxencia axeitados para atender as demandas da poboación

O BNG insiste en que Cerdedo-Cotobade debe contar con servizos de emerxencia axeitados para atender as demandas da poboación

Cerdedo-Cotobade, 17 de xaneiro de 2024. O BNG volve levar ao pleno de Cerdedo-Cotobade unha iniciativa para que o goberno municipal deixa a súa actitude pasiva e tome a iniciativa para evitar que Cerdedo-Cotobade conte cuns servizos sanitarios e de emerxencias acordes coas necesidades dos veciños e veciñas.

Filgueira lembra que os datos demográficos de Cerdedo-Cotobade “son alarmantes”, xa que “desde a fusión de Cerdedo e Cotobade até o 2022, o noso municipio perdeu máis de 400 veciños e veciñas”, un feito incontestábel no que algo terá que ver que “cada vez teñamos menos servizos e de peor calidade”.

O BNG insta ao alcalde e ao seu grupo se tomen en serio a necesidade de frear o deterioro dos  servizos públicos, xa que afectan no día a día á calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Así Filgueira lembra os recortes na sanidade ou o feito de que boa parte do noso termo municipal estea situado nun espazo de “sombra”, con tempos de resposta de emerxencias totalmente inasumibles, e que mesmo triplican as ratios recomendadas.

Ernesto Filgueira: “Insto a Cubela a deixar a súa actitude pasiva e tomar a iniciativa para impulsar un novo parque de bombeiros e uns servizos sanitarios acordes coas necesidades dos veciños e veciñas”

O Portavoz nacionalista lembrou, neste sentido, que Cerdedo-Cotobade padeceu nos últimos anos importantes incidencias, sexan de orixe natural ou humana, con graves consecuencias. Lembrou neste sentido os “dramáticos incendios forestais de 2017” que chegaron a amenazar seriamente a nucleos habitados, ou os incendios que acabaron estragando por completo vivendas en Calvelo e Corredoira, ademais dos cada vez máis frecuentes accidentes de tráfico, que se saldan con persoas feridas ou mortas, e nos que, ao noso entender, ten moito que ver a precaria situación da nosa rede de estradas. 

“Todos estes factores poñen en evidencia que, para dar un servizo axeitado á nosa veciñanza, precisamos contar cuns medios de emerxencia, tanto sanitarios como de bombeiros, que sexan capaces de prestar os seus servizos cun tempo de resposta rápida e eficaz”, recalcou Ernesto Filgueira. E o alcalde, con toda a veciñanza e a corporación detrás, ten que moverse e esixir das outras administracións os servizos de emerxencias necesarios para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas. 

É necesario, afirma Filgueira, que “a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra se senten a dialogar dunha vez por todas para, en diálogo cos concellos afectados, promover a construción dun novo parque de bombeiros”, que permita unha resposta rápida e axeitada aos posíbeis incidentes, eliminando as zonas de sombra que existen no noso concello. 

Ademais urxe que o SERGAS adopte as medidas necesarias para garantir unha atención sanitaria pública digna (médica, enfermaría, pediatría, matrona) no concello de Cerdedo-Cotobade e en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e a resolver urxentemente a situación das urxencias hospitalarias e pediátricas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, ademais de dotar ao PAC de Cerdedo dunha ambulancia de soporte vital avanzado.

O BNG insiste en que Cerdedo-Cotobade debe contar con servizos de emerxencia axeitados para atender as demandas da poboación