O BNG esixe ao goberno municipal de Caldas a compra dos terreos para a ampliación do IES

Manu Fariña
Manu Fariña
O BNG esixe a compra dos terreos para a ampliación do IES tal e como quedou recollido no acordo para a aprobación do Orzamento do ano 2020.
O BNG esixe ao goberno municipal de Caldas a compra dos terreos para a ampliación do IES

Caldas de Reis, 27 de outubro de 2020. A escasos 2 meses de finalizar o ano 2020, o goberno municipal debe deixar as escusas a un lado e mercar dunha vez os terreos para a ampliación do IES Aquis Celenis, tal e como se comprometeu co BNG no acordo para a aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Caldas do presente ano.

O PSOE debe pasar das palabras aos feitos e demostrar que aposta pola educación pública, evitando que pase co proxecto de ampliación do IES Aquis Celenis o mesmo que está a pasar coa construción do novo Centro de Saúde, polo que levamos agardando dende hai décadas mentres Xunta e Concello, PP e PSOE, andan xogando ao gato e ao rato e pasándose a pelota dun lado a outro nun eterno pim pam pum que ten como reféns ás veciñas e veciños de Caldas.

A comunidade educativa caldense non entendería de ningún modo que, tendo a man tendida do BNG e o apoio plenario necesario, o PSOE non acometese unha compra tan necesaria e puxese en risco non só unha inversión millonaria no noso concello nun momento tan delicado como o actual, senón que tamén unha oportunidade de abrir novas posibilidades de formación coa implantación na nosa educación pública de ciclos formativos de Formación Profesional.

“Caldas precisa que a ampliación do IES Aquis Celenis sexa unha realidade máis pronto que tarde, polo que de ningunha maneira se pode permitir que a inoperancia e o desleixo do goberno municipal poña en risco este investimento” manifestou o portavoz municipal do BNG. “O BNG ten a man tendida ao goberno municipal para levar adiante esta compra de xeito inmediato” sentenciou Fariña.

O BNG esixe ao goberno municipal de Caldas a compra dos terreos para a ampliación do IES