O BNG demanda á Xunta corrección das deficiencias na reforma da PO-308 en Poio

01-10-19-rolda bará-

O deputado nacionalista Luís Bará pregunta a goberno galego como e en que prazo prevé arranxar as deficiencias denunciadas polo Concello e a veciñanza en Raxó

 

O BNG demanda á Xunta corrección das deficiencias na reforma da PO-308 en Poio

A Xunta de Galiza está a levar a cabo obras de mellora da mobilidade na estrada PO 308 ao paso polo concello de Poio, un vial que ten unha elevada intensidade de tráfico e que presenta cifras tamén moi altas de sinistralidade viaria con vítimas mortais e persoas feridas.

Para o BNG resulta discutíbel o procedemento seguido pola administración autonómica para a reforma da estrada, sen un plan director para a mellora integral desta vía que comunica numerosos núcleos de poboación e que atravesa unha zona con unha alta densidade de poboación e continuidade urbanística.

Debido a esta falta de planificación, o goberno autonómico foi elaborando proxectos parciais que se foron modificando e complementando con outros para atender diferentes demandas. Así, inicialmente programouse a construción das chamadas sendas (beirarrúas) en diferentes treitos da estrada e posteriormente incluironse actuacións complementarias como pasos de peóns, mellora de interseccións, rotondas… Moitas destas actuacións complementarias foron aprobadas debido á presión veciñal e ás demandas do concello de Poio.

DEFICIENCIAS NO TREITO O COVELO-RAXÓ

Con respecto á actuación que se está a realizar no treito entre O Covelo, na parroquia de Samieira, e Raxó, nestes días saíron á luz queixas veciñais e do concello de Poio sobre as deficiencias que presenta a obra en materia de accesibilidade, xa que se instalaron elementos de mobiliario urbano como marquesinas ou sinalización vertical que dificultan a mobilidade peonil e que incumpren a normativa de accesibilidade xa que impiden o paso de cadeiras de rodas ou carros de bebé.

Por outra parte, a Xunta executou en Raxó un novo vial que comunica a nova rotonda da PO 308 coa rúa da Igrexa á altura da Casa do Mar. Trátase dunha actuación xa de por si controvertida polo alto impacto visual e porque dificulta a conexión coa rúa Leopoldo Nóvoa. Mais o remate da obra puxo en evidencia graves deficiencias en materia de seguridade viaria e accesibilidade xa que o vial carece de beirarrúas e mesmo de beiravías, polo que imposibilita materialemente o seu uso por parte de peóns. 

Diante desta situación, O BNG considera que se deben facer con urxencia as modificacións necesarias destes proxectos para garantir a seguridade viaria e a accesibilidade peonil, garantindo o cumprimento da normativa en materia de accesibilidade.

A este respecto, o deputado nacionalista Luís Bará presentou hoxe na deputación permanente do parlamento a seguinte iniciativa:

Que actuacións ten previsto desenvolver a Xunta de Galiza para corrixir as deficiencias na reforma realizada e garantir a seguridade viaria e a accesibilidade na PO 308 entre O Covelo e Raxó e no vial de acceso desde a rotonda do Rabo de Porco e a rúa da Igrexa en Raxó?

O BNG demanda á Xunta corrección das deficiencias na reforma da PO-308 en Poio