Bará propón á Xunta o Modelo Pontevedra para mellorar a seguridade vial

Luís Bará no Pleno do Parlamento
Luís Bará no Pleno do Parlamento

O Deputado do BNG vén de proponer que a Xunta siga o exemplo do Concello de Pontevedra, todo un referente mundial, para mellorar a seguridade vial.

 

Bará propón á Xunta o Modelo Pontevedra para mellorar a seguridade vial

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, propón seguir o modelo Pontevedra para reducir a sinistralidade e o número de vítimas nas estradas e nas vías urbanas pois, coas adaptacións oportunas, considera que pode exportarse ese exitoso exemplo a toda Galiza.

“Son propostas desde a experiencia do Concello de Pontevedra que vai por todo o mundo presentando un modelo que está acabando cos accidentes mortais nas vías urbanas, e ofrecemos esa experiencia”, salientou Bará, modelo quen ten como premisa “cambiar a xerarquía para colocar as persoas por riba dos coches, creando contornas humanizadas e seguras fronte a vías perigosas e hostís, que son agora as estradas galegas, sobre todo na provincia de Pontevedra con 40 puntos de concentración de accidentes”.

No debate parlamentario, Bará preguntou á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, polo Plan de mobilidade alternativa encargado pola Xunta no 2010 cun custe de 340.000 euros “pero que está gardado nun caixón”, e reclamou unha estratexia diferente “que pase pola participación social e pola implicación de todos os sectores”, e criticou o denominado “plan de sendas” que mesmo incumpren a normativa nas dimensións recomendadas, ao igual que pasa coas sendas de ciclistas con moitos tramos nos que os anchos destes carrís non fan posible a circulación en dobre dirección das persoas usuarias da bicicleta.

Hai que mudar a xerarquía para colocar ás persoas por riba dos coches. Dialogo, coordinación e recursos, receitas para reducir a sinistralidade

Entre as medidas concretas, o deputado demandou a transferencia das competencias en tráfico e seguridade vial, a reposición do noitebús, -“sería unha medida avanzada”-, sinalizar os puntos negros de atropelos, que se midan os tempos medios de atención en caso de accidente e camiños seguros aos colexios.

O deputado do Bloque pediu á Xunta que fuxa de calquera triunfalismo posto que no período 2012-2016 houbo un reponte de accidentes e vítimas nas estradas e vías urbanas, e un 40% foron na rede autonómica e en travesías  con dobre beirarrúa, “do que se conclúe que para reducir a sinistralidade é preciso calmar o tráfico e moderar a velocidade”, como se fixo en Pontevedra. 

Responsabilidade, rigor, máxima participación e colaboración entre administracións e colectivos sociais e recursos son, a xuízo do BNG, as receitas para avanzar na loita contra os accidentes de tráfico, que pide a Xunta que lidera a necesaria aposta por un modelo de mobilidade seguro.

APOIO Á FOLGA DO 8 DE MARZO

Bará aproveitou a comparecencia da conselleira de Infraestruturas para manifestar o apoio do Bloque á folga de mulleres do 8M, tras as declaracións de Vázquez argumentando que ela non ía participar porque nunca se sentiu discriminada. “Dixo que non se sente discriminada que se sente ben valorada e parécenos ben, pero isto non é unha cuestión persoal, non é unha folga para resolver os problemas que vostede xa ten resoltos, senón para loitar contra a discriminación salarial e outras desigualdades que soportan as mulleres”, indicou.