Bará afirma en Cotobade que “a innovación é o motor para catapultar o rural de cara ao futuro”

Bará afirma en Cotobade que “a innovación é o motor para catapultar o rural de cara ao futuro”

Cerdedo-Cotobade, 22 de xuño de 2020. “A innovación e a diversificación da produción son o motor para catapultar o rural de cara ao futuro”.  Así o indicou hoxe o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, quen visitou hoxe o concello de Cerdedo-Cotobade para poñer sobre a mesa algunhas das propostas do Bloque para conseguir un rural vivo, con emprego e máis riqueza. 

Bará visitou, acompañado do voceiro no Concello Ernesto Filgueira e doutros cargos orgánicos, unha explotación de caracol no concello de Cerdedo-Cotobade –Caracois do Gallo-, cuxa produción está dirixida na súa maioría á exportación e ao mercado exterior por ser un produto de alta calidade e alta demanda, ademais de ter cunha grande capacidade e potencial de crecemento.

O cabeza de cartel destacou que é preciso desenvolver dende a Xunta unha política que aposte pola diversificación produtiva do rural e tamén pola innovación, xa que ambas son ferramentas fundamentais para multiplicar a capacidade produtiva e tamén para xerar máis emprego e máis riqueza nos concellos. “Hai terras que poden ser produtivas se se mobilizan e desenvolven as estruturas necesarias para reverter o abandono e a forestación”, dixo, para destacar que a iso hai que lle sumar tamén a innovación, cuestión que no proxecto de ‘Caracois do Gallo’ é un elemento fundamental para desenvolver un produto de máis calidade e máis competitivo no mercado.

Ademais desas capacidades e potencialidades do rural é preciso, destacou Bará, facer unha política dende a Xunta que trate ao rural como se merece e que o dote dos equipamentos  e servizos competitivos para o século XXI en materia de dotación de servizos sanitarios, educativos, servizos sociais, culturais, no que ten que ver coas infraestruturas, comunicacións físicas e, sobre todo neste momento, de redes e internet, “que son a maneira de estar no mundo e poder traballar dende o rural a calquera lugar”. 

Bará subliñou a necesidade de servizos de calidade e as redes de telecomunicacións, “chaves” para non quedar atrás

“Iso é unha asignatura pendente que o BNG se compromete a impulsar nos vindeiros catro anos”, subliñou, destacando que é fundamental estar nas redes de telecomunicacións porque cada vez se abren máis oportunidades de comercialización de produto a través de plataformas on line . Neste sentido, indicou que o BNG impulsará a través do goberno da Xunta unha grande plataforma para que os produtos galegos teñan visibilidade e poidan ser comercializados polos produtores e polas plataformas de difusión e distribución nunhas condicións óptimas.

O candidato destacou que é necesario apostar por un rural vivo dende a Xunta, facendo que xente moza e con talento que quere quedar en Galiza –como a vencellada a Caracois do Gallo- poida desenvolver todo o seu potencial no seu propio país sen ter que marchar na busca dun emprego digno.

Bará afirma en Cotobade que “a innovación é o motor para catapultar o rural de cara ao futuro”