Ana Pontón propón unir forzas contra o veto do Estado á transferencia da AP-9

Ana Pontón na rolda de prensa de presentación das iniciativas para mellorar a seguranza viaria
Ana Pontón na rolda de prensa de presentación das iniciativas para mellorar a seguranza viaria

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de “indigna tomadura de pelo” para Galiza que o Goberno de Rajoy en funcións pretenda vetar no Congreso o debate sobre a transferencia da AP-9 solicitada polo Parlamento galego a través dunha lei aprobada por unanimidade a proposta do BNG.

Ana Pontón propón unir forzas contra o veto do Estado á transferencia da AP-9

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de “indigna tomadura de pelo” para Galiza que o Goberno de Rajoy en funcións pretenda vetar no Congreso o debate sobre a transferencia da AP-9 solicitada polo Parlamento galego a través dunha lei aprobada por unanimidade a proposta do BNG.

O feito de que o Executivo central pida ao Congreso que nin sequera se dea o debate é unha evidencia da “irrelevancia política” na que Feijóo coloca a Galiza. “A submisión de Feijóo aos intereses do PP leva a que o goberno do Estado se permita mesmo o luxo de dicirnos que non se pode debater leis propostas por unanimidade polo Parlamento galego. É unha aldraxe intolerable que debe ter unha resposta inmediata”, denunciou.

Precisamente para artellar esa resposta, Pontón fixo un emprazamento por carta aos responsables políticos de todas as forzas con representación parlamentaria, -Feijóo, Villares e Leiceaga-. 

“Unha reunión mañá mesmo para que nos podamos sentar todas as forzas políticas e deseñemos unha estratexia para acadar a transferencia da AP-9 e acabar dunha vez por todas coas peaxes abusivas que pagan os e as galegas. Se Feijóo no participa admite que el é parte desta estratexia de burla que nos quere tomar por parvos”, subliñou a portavoz nacionalista.

A dirixente do Bloque puxo o foco na falsidade dos argumentos empregados polo Ministerio de Fomento no seu informe remitido á Mesa do Congreso.

“É un agravio xustificado con argumentos falsos, porque é falso que a AP-9 sexa a vía de entrada a Portugal e é falso esconderse tras un problema económico cando ese mesmo goberno está disposto a poñer 8.000 M€ para rescatar ás radiais madrileñas”, denunciou a dirixente nacionalista, tras coñecer o documento remitido polo Ministerio de Fomento en contra da transferencia á Mesa do Congreso, quen deixou a decisión en suspenso tras solicitar máis información sobre o asunto.

Pontón fixo fincapé no contraste entre os 8.000 millóns de euros para as “ruinosas” autoestradas madrileñas e cero euros para transferir a AP-9 e corrixir a “estafa legalizada” que supón obrigar a miles de galegos e galegas a pagar as peaxes máis caras do Estado nunha infraestrutura que da enormes beneficios e cuxo custe está amortizado. 

“Todo para compensar á gran banca e ás grandes construtoras que despois financian ilegalmente ao PP”, denunciou a portavoz parlamentaria en referencia aos principais accionistas das radiais: Bankia, Sacys, ACS, Abengoa, entre outros.