Aberto o novo vial perimetral de Montecelo

Aberto o novo vial perimetral de Montecelo

A parroquia de Mourente conta cun novo vial que rodea o hospital de Montecelo. Trátase dunha nova vía de circulación de dous carrís que conecta a través de dúas rotondas a contorna do Príncipe Felipe coa rúa Ángel Limeses, preto do comezo do actual aparcadoiro público de Montecelo. 

A creación deste vial responde á necesidade de mellorar o acceso do que será o novo hospital —o Gran Montecelo—, e está enmarcada dentro da colaboración e o convenio asinado polo Concello de Pontevedra á hora de facer realidade a ampliación do actual centro hospitalario. 

A obra en cuestión, que fixo posíbel a construción desta vía, contou cun orzamento de 1.161.479 euros. Así, a día de hoxe, e tal e como sinalou Fernández Lores, o investimento realizado ou contemplado pola administración local chega até os 16 millóns de euros, dentro do que se inclúen as expropiacións realizadas pola Xunta para acometer as obras, a posta en marcha dun novo sistema de abastecemento de auga sen bombeo desde Castrosenín, a mellora da recollida de pluviais, a mellora dos sumidoiros ou a ampliación da acometida eléctrica. 

No referido á nova vía, que xa pode ser transitada tanto a pé como en vehículo, ten limitada a súa velocidade a 30 qm/h, conta con pasos de peóns elevados e unha iluminación axeitada en todos os puntos da mesma. 

O proxecto de construción do Gran Montecelo é posíbel grazas a unha colaboración e unha lealdade exemplar entre Concello, Xunta e Deputación. 

Lores, destacou na visita ao vial que “o convenio coa Xunta está practicamente rematado, o que quere dicir que o Concello cumpre os seus compromisos”.

Aberto o novo vial perimetral de Montecelo