A Xunta ignora as necesidades do IES de Valga e non inclúe nos orzamentos a construción das instalacións comprometidas en 2022 para o ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais
Valga, 24 de outubro de 2024. O ciclo de Agroxardinería e Composicións Florais comezou a impartirse no IES de Valga o curso 2022-2023, mais desde o inicio non conta coas instalacións comprometidas: unha aula polivalente de 60 metros cadrados, un almacén de 60 metros cadrados, e unha superficie de xardín, invernadoiro e viveiro de 1.300 metros cadrados. O Concello de Valga cedeu á Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galiza unha parcela de 3.000 metros cadrados de superficie anexa ao recinto do instituto, nos terreos do campo de fútbol vello de Baño.
En marzo de 2024, o grupo parlamentario do BNG dirixiuse ao conselleiro de Educación esixindo o acondicionamento definitivo da parcela para a correcta aprendizaxe do alumnado, uns terreos que non contan aínda coas instalacións previstas por parte da Consellería de Educación e o Concello de Valga. Lamentablemente, ante este requirimento, a consellería non tivo a ben contestar, mostrando deste xeito o escaso interese por parte da Xunta para realizar estas obras.
O 16 de maio de 2024, a directora xeral de Formación Profesional visitou o IES de Valga acompañada polo alcalde, mais non saíu ningún compromiso nin data concreta para a realización das instalacións comprometidas en 2022. Ademais, nos orzamentos da Xunta para o ano 2025 non se prevé ningún tipo de investimento respecto destas instalacións, polo que pasarán tres anos desde o inicio do ciclo sen que se execute un equipamento imprescindible para a formación das alumnas e alumnos dun ciclo cun carácter eminentemente práctico.