A Xunta do PP sube o recibo do lixo á veciñanza de Soutomaior
Soutomaior, 23 de xullo de 2024. O Goberno Local lamenta que a Xunta tomase a decisión de incrementar o canon da empresa pública de residuos Sogama a 118 concellos entre os que se atopa Soutomaior. Trátase dunha suba imposta pola Xunta que afectará ás taxas que pagan os veciños e veciñas de Soutomaior polo tratamento dos seus residuos. Lourenzo advertiu que esta medida obrigará aos concellos a aprobar modificacións das ordenanzas fiscais porque as novas taxas téñense que repercutir nos recibos que pagan os usuarios.
Sobre a suba do canon de Sogama, o alcalde asegurou que “a Xunta castiga a aqueles concellos que, como Soutomaior, intentamos facer as cousas ben e estamos levando a cabo medidas para mellorar a separación de residuos durante o proceso de recollida de lixo”, e lamentou que “o único seguro agora mesmo é que con esta medida da Xunta a que vai saír perdendo unha vez máis é a veciñanza de Soutomaior, que terá que pagar os sobrecustes dunha xestión ineficiente”.
Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “desde hai anos en Soutomaior o servizo de recollida de lixo é deficitario, tanto para as arcas municipais como no servizo que se presta á veciñanza. Debido á xestión ineficiente realizada fai anos polo anterior grupo de goberno á hora de negociar a contratación deste servizo, a próxima licitación do contrato de recollida de lixo traerá aparellada de maneira obrigada unha suba do recibo. Se a isto sumamos o incremento do canon de Sogama que a Xunta ten previsto impoñer, van ser os nosos veciños e veciñas os principais prexudicados”.
Dende o Goberno Local teñen claro que é preciso apostar por un modelo de xestión de residuos sostible e que non cause prexuízo ás economías municipais, nin supoña un aumento dos custes á veciñanza. Por esta razón insta a que a Xunta reconsidere a medida e se sente a falar cos responsables locais para alcanzar consenso no ámbito da xestión de residuos.