Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Sés, protagonistas da programación do escenario acuático do Umia
Caldas de Reis, 24 de xullo de 2024. ‘Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre’ o 13 de agosto e Sés e o 14 de agosto serán os concertos protagonistas da programación organizada polo departamento de Cultura de Caldas de Reis para o escenario acuático do Umia este verán. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña destaca que tamén se recuperará a actuación de agrupacións folclóricas coincidindo coa Feira Tradicional o 11 de agosto, que haberá un concerto moi “orixinal, potente e diferente” o 15 de agosto, así como tamén o Gran Combate Naval pirotécnico o 16 de agosto.
O responsable de Cultura destaca que o Concello vén de realizar unha programación “de altura” para recuperar o que fora unha das iconas da vila, o escenario acuático sobre o Umia, e facer que o río sexa de novo un dos elementos centrais das festas. Lembra o nacionalista que o escenario fora eliminado hai uns doce anos, deixando así sen uso un lugar totalmente emblemático para as veciñas e veciños, e suprimindo tamén a programación cultural que alí se facía por parte do Concello. Destaca que co fin de retomar aqueles eventos que gran parte da veciñanza reclama e retomar así a posibilidade de usar o escenario no leito do río e as grandes actuacións que sirvan para gozar das festas e atraer público doutras localidades o goberno local leva meses traballando.
Manuel Fariña: "é unha prioridade recuperar o Umia completamente, o leito natural e poder dar uso a todos os espazos urbanos, como a praia detrás do Concello, o malecón, os choróns e, xa dende un primeiro momento, o escenario do Umia para as festas patronais”
A programación do escenario acuático do Umia comezará coincidindo coa Feira Tradicional de Caldas de Reis o 11 de agosto, cando participarán agrupacións de baile tradicional de Pontevedra, Zaragoza e Chile: Celme, Agrupación Flolklórica Usanza e Ballet Folclórico del BioBio, respectivamente. O 13 de agosto será cando terá lugar o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, unha agrupación na que a percusión de man -a pandeireta- é central e que, con grande éxito, leva realizado máis de 400 concertos deixando pegada en Bos Aires, Oslo, Lisboa, Alger, Glasgow, Madrid, Bariloche, Colonia, Londres,Gotenburgo, Roterdam, Bruxelas ou Gante, entre outros.
Xa o día 14 será Sés a que suba ao escenario acuático, unha muller que arrastra seguidoras e seguidores coa súa música mestura de rock, tradición oral e canción de autor cunha actitude reivindicativa e un discurso valente cargado de carisma e forza persoal. Para o día 15 o tenente de alcalde Manuel Fariña promete unha actuación “sorprendente e inesperada” que se anunciará nos vindeiros días, e xa o 16 terá lugar o Gran Combate Naval de Caldas, o tradicional espectáculo pirotécnico das festas.
O líder caldense subliña que para o grupo do BNG en Caldas é unha prioridade “recuperar o Umia completamente, o leito natural e poder dar uso a todos os espazos urbanos, como a praia detrás do Concello, o malecón, os choróns e, xa dende un primeiro momento, o escenario do Umia para as festas patronais”.