Xosé Lois Romero & Aliboria actuarán o 25 de xullo nas fervenzas de Barosa
Barro, 21 de xullo de 2026. O vindeiro 25 de xullo, ás 20:30 horas, o Parque da Natureza do Río Barosa acollerá o concerto de Xosé Lois Romero & Aliboria, unha das propostas máis singulares e recoñecidas da música galega actual.
As fervenzas de Barosa converteranse unha vez máis nun auditorio natural excepcional para recibir un espectáculo que combina tradición, percusión, voces e sonoridades contemporáneas, nun diálogo constante coa cultura popular galega.
O concerto forma parte da programación cultural impulsada polo Concello de Barro e supón unha nova oportunidade para gozar da música en directo nun enclave único. O escenario natural que forman as fervenzas, a vexetación e o río fan deste espazo un lugar privilexiado para a celebración de eventos culturais, ata o punto de que desde o Concello se refiren a el como "o mellor escenario do mundo".
Xosé Lois Romero & Aliboria teñen conquistado ao público dentro e fóra da Galiza cunha proposta artística que afonda nas raíces da tradición musical galega para proxectala cara a novas linguaxes sonoras, ofrecendo concertos de gran intensidade e forza escénica.
A actuación, que será de acceso libre, consolida unha cita que xa forma parte do calendario cultural de Barro e que cada verán reúne a centos de persoas nun escenario único como o Parque da Natureza da Ría de Barosa. O pasado ano, nesta mesma data e neste mesmo espazo, o público puido gozar da actuación de Xabier Díaz & As Adufeiras de Salitre, nunha noite que confirmou o enorme atractivo desta proposta. A celebración do concerto coincidindo co 25 de xullo, Día da Patria Galega, engade ademais un simbolismo especial a unha iniciativa que aposta por celebrar a nosa cultura, a nosa música e a nosa identidade nunha contorna natural incomparable.