MELLORARÁ OS SERVIZOS, A MOBILIDADE PEONIL E A ACCESIBILIDADE
Comeza en Pontevedra a reforma integral da rúa Casimiro Gómez
Pontevedra, 21 de xullo de 2026. arrancaron as obras de reforma integral da rúa Casimiro Gómez cos primeiros traballos de fresado sobre o pavimento e que continuarán ao longo de toda a vindeira semana.Con motivo destas obras, e cunha duración estimada de entre seis e oito meses, activarase un plan de mobilidade especial para compaxinar o desenvolvemento dos traballos coa circulación ordinaria. Durante esta primeira fase das obras, pecharase ao tráfico o tramo que vai desde a rúa de Santo Antoniño ata Pai Fernando Olmedo, dando servizo á veciñanza. Non obstante, a dirección e o sentido actual da circulación no resto da vía manteranse sen cambios.
O proxecto supón unha intervención sobre un trazado de 185 metros de lonxitude entre Doutor Loureiro Crespo e Padre Fernando Olmedo, cunha superficie total de actuación de 2.665 metros cadrados. Os traballos concéntranse na mellora da calidade do espazo urbano mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e a potenciación da accesibilidade peonil.
Para acadar este obxectivo, construiranse beirarrúas de dous metros de ancho e instalaranse pasos de peóns elevados á cota das beirarrúas, ademais de pavimento podotáctil diferenciado para facilitar o tránsito de persoas con dificultades visuais. A ampliación do espazo peonil implicará unha redución das prazas de estacionamento, aínda que se habilitarán novas prazas destinadas especificamente a persoas con mobilidade reducida. O deseño complétase coa colocación de novo mobiliario público, como bancos, papeleiras e aparcabicicletas, e a plantación de arborado da especie Prunus avium.
A intervención inclúe tamén a renovación de todos os servizos básicos soterrados, unha das actuacións máis urxentes debido ás recorrentes roturas que sofren as actuais canalizacións de auga potábel feitas de fibrocemento. O novo deseño implementará redes separativas de saneamento para pluviais e residuais, ademais de actualizar os tendidos de electricidade, gas e telecomunicacións. Igualmente, substituirase todo o alumeado público por un sistema bilateral eficiente dotado con balizas de seguridade peonil nocturna nos pasos de peóns.
A reforma integral adxudicouse á empresa E.C. Casas por un importe de 947.991,55 euros e conta cun prazo global de execución de doce meses.