A ZONA ASPIRA A ACOLLER 200 NOVAS VIVENDAS

O Concello de Pontevedra impulsa a expansión de Campolongo, que modernizará a súa rede de servizos

Sinatura do convenio para o desenvolvemento urbanístico de Campolongo
Sinatura do convenio para o desenvolvemento urbanístico de Campolongo
O Concello de Pontevedra impulsa a expansión de Campolongo, que modernizará a súa rede de servizos

Pontevedra, 20 de xullo de 2026. O desenvolvemento urbano do barrio de Campolongo deu hoxe un paso decisivo trala sinatura dun convenio entre o Concello de Pontevedra, a ONCE e os propietarios do polígono deste lugar. Este acordo autoriza a instalación dun tramo de colectores para a rede de sumidoiros e pluviais en terreos destinados a viarios, o que permitirá modernizar e dotar de servizos a esta emblemática zona da cidade.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o convenio permitirá urbanizar de xeito íntegro o perímetro da antiga propiedade da ONCE, unha área que abarca máis de tres hectáreas. Ao completar esta rede de servizos, facilitarase a construción dunhas 200 vivendas previstas no planeamento, xerando un importante aproveitamento urbanístico.

As obras de instalación arrincan o martes 21 de xullo, e está previsto que finalicen en marzo de 2027. Como contraprestación ás servidumes necesarias para a rede subterránea –que afectará ás rúas Alfonso X O Sabio, Pintor Rafael Alonso, Fernando I, Pintor Virxilio Branco, Rúa das Perliñas e Camiño das Abilleiras–, a ONCE abrirá unha nova rúa perimetral. Ademais, os propietarios do polígono comprométense a ceder de maneira anticipada 1.043 metros cadrados para a urbanización desta vía.

Esta nova rúa suporá unha mellora fundamental na mobilidade da contorna, xa que facilitará o acceso peonil e rodado a equipamentos clave como o Centro de Recursos Educativos da ONCE, o Centro Sur, o centro de emprego da Fundación Xoán XXIII e o quinto instituto da cidade, o Torrente Ballester. Deste xeito, os peóns poderán acceder desde o centro cara San Brais e a parroquia de Salcedo sen necesidade de dar un rodeo pola avenida de Vigo.

Durante a comparecencia, o director xeral da ONCE, Ángel Sánchez Cánovas, destacou que o obxectivo principal é resolver un problema viario e de canalizacións que afectaba non só á ONCE senón a toda a área, axudando así a "crear valor a toda esa zona e dar unha ampliación importante a esta cidade que está crecendo”.

Pola súa banda, Miguel Carballeda, presidente do Grupo Social ONCE, puxo en valor a súa vinculación afectiva coa que denominou "a mellor cidade do mundo", e reafirmou o compromiso co Centro de Recursos Educativos (CRE) de Pontevedra, un dos cinco cos que conta a organización en todo o Estado. "O que quixemos facer sempre e volvemos facer agora é melloralo, darlle as mellores posibilidades de educación aos nosos nenos cegos ou deficientes visuais", engadiu.

Finalmente, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo balance dos fitos xa conseguidos na zona grazas á colaboración institucional, como a recepción da antiga residencia e o pavillón da ONCE. Nestes espazos estase a desenvolver un forte tecido social e deportivo: o Centro Sur alberga asociacións como Amigos de Campolongo e a Coral Polifónica, ademais da residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer, ás que se sumarán novas prazas para persoas usuarias de cadeira de rodas de Cogami nas dúas últimas plantas. O pavillón municipalizado tamén está a ser utilizado por equipos de taekwondo e esgrima, complementando unha contorna de lecer que inclúe pistas de petanca.

O Concello de Pontevedra impulsa a expansión de Campolongo, que modernizará a súa rede de servizos