O Concello de Pontevedra inicia as obras de emerxencia para a reposición do colector do río dos Gafos
Pontevedra, 21 de xullo de 2026. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, informou do comezo das obras de reposición do colector do río dos Gafos á altura da estación de autobuses. Esta actuación, moi agardada, lévase a cabo para solucionar os graves danos que sufriu a infraestrutura debido aos temporais.
Segundo explicou Mosquera, o colector xa presentaba algunhas deficiencias previas, pero a situación volveuse crítica este inverno cando a caída dunhas árbores provocou a súa rotura. Aínda que no seu momento se fixo unha reparación provisional, a infraestrutura quedou sen soporte xa que a forza da auga levou gran parte da terra que o rodeaba.
O concelleiro sinalou que o inicio das obras sufriu algunha demora debido á complexidade da tramitación administrativa: "pedíronse todos os permisos e autorizacións, e o que máis lata deu foi conseguir as autorizacións para pasar por certas fincas", explicou Mosquera, aclarando que finalmente a actuación se meteu pola vía de emerxencia para poder axilizar os traballos.
Afeccións ao tránsito peonil a partir do mércores
A execución desta obra terá implicacións directas para os viandantes. O colector transcorre xusto por debaixo da pasarela de madeira que vai pola marxe esquerda do río, en dirección á rúa Josefina Arruti. Para poder instalar as novas tubaxes, a empresa adxudicataria terá que suspender e levantar temporalmente esta estrutura, traballar debaixo dela e, posteriormente, volvela colocar no seu sitio.
Como consecuencia destes traballos, a partir deste mércores a pasarela quedará inhabilitada para o paso peonil. A modo de aviso e información de servizo, César Mosquera indicou que todas aquelas persoas que paseen polo Gafos e desexen continuar cara a rúa Josefina Arruti "terán que subir e despois baixar pasada a estación" de autobuses para salvar o tramo en obras.