Xornadas e roteiros sobre o Exilio Galego no mes da Memoria Histórica en Pontevedra
Pontevedra, 27 de outubro de 2025. O edil de Memoria Histórica, Demetrio Gómez, presentou esta mañá dous proxectos que terán lugar no mes de novembro: as xornadas de Memoria Histórica, centradas este ano no exilio, e o roteiro "mañá será outro día" pola literatura e o exilio en Pontevedra.
Xornadas de Memoria Histórica
Os días 14 e 15 de novembro no Centro Social do Gorgullón terán lugar as xornadas de Memoria Histórica, coordinadas por Montse Fajardo, que abordarán o exilio galego.
Montse Fajardo, xornalista e especialista en memoria histórica coordinadora do programa, quixo salientar a escolla da temática das xornadas deste ano no que se conmemora o pasamento de Castelao. “Decidimos co Concello centrar o tema no Exilio Galego. Teremos dúas xornadas, a do venres pola tarde ‘Fuxir da barbarie’ máis centrada en contextualizar o exilio galego dentro do exilio estatal cunha das persoas que máis ten estudado a represión franquista en perspectiva comparada con outras ditaduras, o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas, que dará a charla inaugural. Seguiralles unha mesa redonda para explicar como foi a propia fuxida en si coa participación de persoas expertas en cuestións como as vías utilizadas para saír do país ou o papel dos representantes do pobo galego nas redes solidarias de evacuación. A análise non se centrará só naqueles aciagos días posteriores ao golpe, senón que chegará ata o tardofranquismo, coa participación de dúas senlleiras militantes nacionalistas que ben coñecen o exilio dos anos 70, como son Elvira Souto e Encarna Otero.
A xornada do sábado pola maña, titulada ‘A vida no exilio’ estará centrada en analizar como era a vida das persoas exiliadas, cunha ollada especial cara ás mulleres e a forma en que estas narraron as súas vivencias da man de Carme Vidal e Nancy Pérez, como pioneiras en investigación con perspectiva de xénero. O programa completarase con sendas conferencias sobre a cultura no exilio, da man de Inma López e o papel de Castelao e o Consello de Galiza, a cargo Ramón Villares”
Roteiro ‘Mañá será outro día. Paseo sobre a literatura e o exilio en Pontevedra’
Este paseo, destinado a persoas maiores de 16 anos, ofrece unha visión global sobre a relación entre a literatura, o exilio e Pontevedra. Como Castelao desde Buenos Aires, pousaremos o noso pensamento na cidade e visitaremos oito espazos, deixando marxe á esperanza, como el mesmo fai coa frase con que pecha ‘Sempre en Galiza’: Mañán será outro día". E é que, a pesar das atrocidades sufridas, o exilio non calou e a literatura foi unha das súas ferramentas máis poderosas. Aparecerán no camiño nomes como os de Xosé Sesto, Ramón de Valenzuela, Josefina Arruti, Osorio-Tafall ou Paz-Andrade.
Con deseño e guía dos paseos da man de Maos Innovación Social, S. Coop. Galega, as inscricións para asistir o sábado 15 de novembro ás 16.30 h ou o sábado 22 ás 12.00 ou 17.00h están abertas en apuntate.pontevedra.gal con 30 prazas dispoñibles por quenda.
Este é o segundo dos paseos previstos dentro do proxecto Pontevedra (d)escrita, do Concello de Pontevedra, deseñados coa vontade de visibilizar a diversidade de voces da cidade.