Pontedetapas arranca o 5 de novembro con 27 establecementos competindo pola mellor tapa e o mellor cóctel

Presentación de Pontedetapas 2025
Presentación de Pontedetapas 2025
Pontedetapas arranca o 5 de novembro con 27 establecementos competindo pola mellor tapa e o mellor cóctel

Pontevedra, 27 de outubro de 2025. A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou unha nova edición do certame Pontedetapas no que, entre o 5 e o 23 de novembro, competirán 27 establecementos da cidade. A iniciativa ten o obxectivo de dinamizar a restauración local e contribuír a desestacionalizar o sector. 

Anabel Gulías, subliñou que Pontedetapas “reforza a imaxe de Pontevedra como referencia na gastronomía e ademais coincide con outros eventos aos que convidamos ao público, como Etiqueta Negra e as actividades que estamos a desenvolver no Mercado de Abastos”. Amais, salientou que “nesta edición apostamos pola calidade do produto local, pola creatividade das e dos nosos profesionais da hostalería e pola participación das pontevedresas e os pontevedreses, que é esencial á hora de coñecer os gustos da cidadanía”. 

O mércores 5 de novembro, para abrir o certame, a concelleira Anabel Gulías e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, percorrerán varios establecementos participantes para probar as tapas e os cócteles que concorren ao novo certame. Nesta nova edición presentáronse propostas para as tres modalidades: 16 tapas tradicionais, 12 tapas creativas e 10 cócteles. Cada local poderá concorrer cunha creación por categoría e, no caso dos cócteles, poderá presentar dúas versións: unha con alcol e outra sen alcol. 

Como novidade, este ano as elaboracións terán un prezo variable: 3,50 € de luns a xoves e 4 € de venres a domingo na modalidade de tapa; e 6 € para o cóctel. O público participante poderá votar para elixir a “Tapa Pontevedra”, a proposta popular que representará á cidade no certame De Tapas por Galiza, promovido por Turismo de Galiza. Ademais, un xurado profesional valorará as creacións e decidirá os premios ás mellores tapas tradicional e creativa, así como ao mellor cóctel. O fallo farase público nun acto ao remate do certame. 

Premios para o público 

O público tamén poderá optar a premios directos: dous vales de 500 € cada un para gastar nos locais participantes. Un sorteo realizarase entre os cupóns de papel depositados nas urnas e outro entre as votacións realizadas a través da aplicación oficial do Pontedetapas. Entre todos os cupóns de votación sortearase un pack de produtos premium de El Nogal. 

Ademais, volve o “Pasaporte Pontedetapas”: as dez primeiras persoas que logren selar o pasaporte en todos os locais participantes e o entreguen na Oficina Municipal de Turismo antes do 6 de decembro de 2025 recibirán como agasallo seguro unha cea para dúas persoas valorada en 60 €, a elixir entre todos os establecementos do concurso. 

Por outra banda, Hijos de Rivera outorgará un premio á mellor maridaxe dunha tapa con caña de Estrella Galicia. O establecemento gañador recibirá o equivalente ao peso da persoa propietaria en produtos HdR e os clientes participarán nunha experiencia especial para dúas persoas en MEGA, o museo de Estrella Galicia, un espazo dedicado a descubrir, entender e celebrar a cultura cervexeira. 

Pontedetapas arranca o 5 de novembro con 27 establecementos competindo pola mellor tapa e o mellor cóctel