Pontevedra abre a convocatoria para a 4a edición do certame de contos orais en galego ‘Bótalle un conto’

Pontevedra abre a convocatoria para a 4a edición do certame de contos orais en galego ‘Bótalle un conto’

Pontevedra, 24 de outubro de 2025. O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou esta mañá a que será a 4a edición do certame ‘Bótalle un conto’, acompañado de Mar García Vendrell, responsable da coordinación do proxecto, que manifestou estar “orgullosa de que este sexa xa o 4o ano de ‘Bótalle un conto’. 

“Andamos na procura dos mellores contadores e contadores de Pontevedra, así que animamos as persoas interesadas a que se apunten pero tamén, que se coñecen alguén que saiba contar contos, que o/a animen a participar porque non hai que saber nada, máis que ter unha historia”, afirmou Demetrio Gómez. 

Após a inscrición, que as persoas interesadas poden realizar ate o 6 de novembro no web municipal apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono 651 720 350 en horario de 9 a 14 horas, terá lugar a gravación das propostas en diferentes centros sociais de Pontevedra e parroquias nas datas comunicadas con anterioridade aos inscritos e inscritas. Como novidade nesta edición, a organización fai un chamado á mocidade, polo que están contempladas as gravacións en centros de ensino e premios de natureza axeitada á rapazada menor de 18 anos. 

As historias terán unha duración máxima de 4 minutos e estarán contadas en galego. Un xurado formado por contadores e contadoras profesionais realizará unha escolla dos 10 contos que participarán na final aberta ao público o 13 de decembro ás 19.00 h. As catro pezas mellor valoradas poderán gañar unha cea para dúas persoas no caso de ser maiores de idade ou un vale para mercar libros ou material en galego no comercio local, se fosen menores de 18 anos. 

O proxecto

Bótalle un conto é un certame de contos orais relatados por persoas non profesionais que o Concello de Pontevedra leva realizando desde 2022. Esta iniciativa de normalización lingüística busca prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua. A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais. 

Pontevedra abre a convocatoria para a 4a edición do certame de contos orais en galego ‘Bótalle un conto’