Os novos colectores de recollida de aceite doméstico usado chegan a Lérez e a Cerponzóns
Pontevedra, 27 de outubro de 2025. Os colectores de aceite usado doméstico chegan as parroquias do rural. Os dous primeiros foron en Lérez e Cerponzóns. A concelleira do rural María Xosé Abilleira acompañou ás asociacións veciñais na colocación, xunto á empresa Mulleres colleiteiras que serán as encargadas do servizo así como da empresa concesionaria da xestión de residuos Prezero.
María Xosé Abilleira lembrou que as localizacións destes contedores foron escollidas directamente polas asociacións veciñais e agradeceu a "enorme implicación" de todas as elas na tarefa de atopar a mellor localización para cada contedor de aceite.
En principio, prevese a instalación de un contedor por parroquia. "Porén, dependendo de como vaia funcionando o sistema, estudarase a posibilidade de novas ubicacións no futuro", aclarou a concelleira.
Xestión Social e Ambiental
A xestión e recollida do aceite está a cargo da cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, que asinou un convenio con PreZero. Mulleres Colleiteiras é unha cooperativa que destaca polo seu impacto social, xerando emprego para persoas vulnerables ou en exclusión social, que recollen o aceite destinado a creación de biodiésel.
A concelleira María Xosé Abilleira subliñou que "a extensión deste servizo ao rural é fundamental para facilitar a reciclaxe a toda a cidadanía e para fortalecer o noso compromiso social e ambiental". Este despregamento enmárcase na renovación integral dos servizos de xestión de residuos e alíñase coa campaña municipal "Responsábeis".
Estes novos colectores no rural complementan aos xa instalados no Mercado que responden a unha demanda preexistente nesa zona. Como mostra da necesidade deste servizo, no Mercado de Abastos recolléronse xa 231 litros de aceite usado.