DO 30 DE XULLO AO 3 DE AGOSTO. PRAZA DA FERRARÍA

’Con voz de muller’ volve poñer o talento musical feminino no centro

Presentación de 'Con voz de Muller'
Presentación de 'Con voz de Muller'
’Con voz de muller’ volve poñer o talento musical feminino no centro

Pontevedra, 23 de xullo de 2025. ‘Con voz de muller’ é xa un ciclo con nome de seu dentro da programación especial de verán na cidade de Pontevedra. O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, lembra que os cinco concertos incluídos nesta proposta desenvolveranse entre o 30 de xullo e o 3 de agosto, na Praza da Ferraría, comezando sempre ás 22.30h. 

"Cando se observa a programación musical da maioría de festivais e cidades dá a impresión de que as mulleres quedan para trás nos cartaces. Pontevedra non quere iso. Pontevedra cre que as políticas feministas deben chegar a todos os eidos da programación, por iso ‘Con voz de muller’ é un dos ciclos que máis queremos e que máis ilusión nos fai", explicou. "A Ferraría é un espazo especial, cunha beleza única, na que poderemos escoitar, a través destas mulleres, unha variedade incríbel de voces, sentimentos e cancións".

O cartel deste ano está composto por Ugía Pedreira, Mercedes Peón, Bouba das Vellas, Ana Tijoux e pola pontevedresa Yoli Saa. Ademais, a programación do ciclo complétase con pasarrúas que comezarán ás 20.30 h. da man de bandas compostas por mulleres: Troula Funky Party, Gaiteiras das Rías Baixas, Bicola, Latexo Percusión e Brassica Rapa.

A artista pontevedresa Yoli Saa, presente na rolda de prensa de presentación do ciclo, explicou que agarda que o seu público poida "chorar e bailar... E todo á vez". Trátase dun concerto especial para a artista nada na Boa Vila, que nos últimos anos experimentou un recoñecemento cada vez maior cara ao seu talento e as súas cancións, e que presentará o seu segundo disco, 'Már de Árdora', baixo o brazo, logo de abrir para Alanis Morissette, na Coruña, apenas hai unhas semanas, ou compoñer para Malú ou Luz Casal.

’Con voz de muller’ volve poñer o talento musical feminino no centro