Caldas traslada os servizos municipais de Cultura, Turismo e Deportes ao local da nova oficina de turismo na Prazuela
Caldas, 23 de xullo de 2025. O Concello de Caldas de Reis vai realizar unha reorganización dos seus departamentos e trasladará os servizos municipais de Cultura, Turismo, Deportes, Mocidade, Lingua e Saúde ao local da nova oficina de turismo situada na Prazuela. O tenente de alcalde Manuel Fariña, responsable de todas esas áreas, subliña que o motivo do cambio da localización é facilitar a atención á veciñanza e mellorar as condicións de traballo do persoal para aproveitar sinerxías entre todas as áreas nunhas instalacións modernas.
Fariña explica que ata o de agora todos os negociados da súa competencia concentrábanse na Casa do Concello, onde non había espazo suficiente para que o persoal realizase o seu traballo e atendese de maneira eficiente á cidadanía nos requirimentos e trámites burocráticos. O aluguer da nova oficina de turismo, apunta o nacionalista, abriu a posibilidade a mellorar esta situación.
As oficinas da Prazuela teñen 75 metros cadrados diáfanos e están habilitadas para traballo administrativo e contacto coa cidadanía, sendo perfectamente amplos para acoller a tres persoas funcionarias e á técnica de turismo. A concentración dos servizos nun mesmo lugar facilitará que a veciñanza poida acceder á información, a servizos e a despachar trámites que en moitos casos son comúns co mesmo persoal, facilitando a comunicación entre as diferentes áreas e as condicións de traballo das e dos funcionarios.
“A intención é axilizar o acceso aos servizos de maneira integrada e aproveitar e optimizar os recursos dispoñibles. Buscamos dar unha atención máis personalizada e cunha equipa unificada a xestión será moito máis fácil”, destaca Fariña.
O traslado do persoal e do mobiliario ás novas dependencias realizouse hoxe, estando xa operativos todos os departamentos na oficina dende primeira hora de mañá mesmo no horario habitual. A maiores, o servizo de información turística estará aberto de luns a venres entre as 11 e as 14.30 horas pola mañá e de 16.30 a 19 horas polas tardes, mentres que o sábado a atención ao público farase entre 10 e 15 horas.
Fariña explica que durante a busca do local para a nova oficina de Turismo, un dos requisitos que debía satisfacer é que fose suficientemente amplo para atención ao público e incluso para habilitar unha pequena sala de exposicións complementaria, algo que as novas instalacións da Prazuela cumpren sobradamente. Finalmente, logo de formalizar o contrato de aluguer e de estudar posibilidades co persoal dos departamentos implicados descartouse habilitar a sala de exposicións e considerouse que o mellor aproveitamento do local obteríase facendo o traslado de persoal municipal para dispor dunhas oficinas municipais máis operativas e modernas.