O mundo do mar volverá a ter protagonismo en Arcade cunha nova edición de “A RECALADA”

presentación A Recalada
presentación A Recalada
O mundo do mar volverá a ter protagonismo en Arcade cunha nova edición de “A RECALADA”

Soutomaior, 24 de xullo de 2025. O 16 de agosto o Peirao de Arcade vivirá ao longo de toda a xornada a segunda edición de “A Recalada,  encontro do mar”. Unha cita que se consolida co obxectivo de realzar o patrimonio marítimo galego facendo fincapé na relación que ten Arcade e Soutomaior co mar. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Promoción económica, Rosana Comesaña e representantes da Confraría de Arcade, da Asociación de Mariscadoras de Arcade, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Pluvial (Culturmar) e da Asociación de baile e a música tradicional galega (AGG) presentarona segunda edición deste encontro do mar que se desenvolverá ao longo de toda a xornada do sábado 16 de agosto na zona do Peirao de Arcade. 

A tradición mariñeira do concello de Soutomaior vén de lonxe, séculos de historia patentes a través dun xeito de vida que, aínda que algo modificado, chega ata os nosos días, e que se pode apreciar, a través da rica gastronomía da zona e da vinculación que a economía local ten  co mar, xa ben sexa a través da gastronomía ou a través do desenvolvemento das artes de pesca e dos oficios do mar.

Tal e como dixo no alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “música, gastronomía e convivencia forman parte deste evento onde pretendemos poñer en valor o mar de Arcade, un mar que é tradición, historia e que ten un enorme potencial que debemos preservar, poñer en valor e dar a coñecer a todas as xeracións que están por vir”. 

Durante a xornada do 16 de agosto haberá actividades moi variadas relacionadas co mar, o turismo sostible, as artes de pesca, a artesanía local, a gastronomía, a música popular nunha ampla programación que contará con navegacións, concertos, exposicións, animación na rúa, artesanía, exposicións, obradoiros e actividades para a cativada e para todas as idades.

O mundo do mar volverá a ter protagonismo en Arcade cunha nova edición de “A RECALADA”