Volve Pontenciencia para achegar a investigación científica á comunidade escolar
Pontevedra, 7 de maio de 2025. O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez presentou unha nova edición de Pontenciencia que se celebra o 9 e10 de maio, na facultade de Forestais. Demetrio Gómez explicou que esta Feira "é a culminación do traballo de todo o curso" que se realiza colectivamente. De feito, xunto a el estaba Luís Torres, da Vicerrectoría do Campus de Pontevedra; Pablo Otero Tranchero, do Instituto Oceanográfico de Vigo; Ángel Villar, subdirector xeral de Carpintería Celleda; Casimiro González, de Viaqua; Manuel Fernández, apoderado de Setga, e Iago González, de Cristalería Pontevedresa, todos representantes das empresas que colaboran con Pontenciencia amosando "o seu compromiso con Pontevedra, coa educación, e poñendo de manifesto que, sen investigación, estas empresas punteiras tampouco serían posíbeis", explicou Demetrio Gómez.
Obxectivos de Ponteciencia
- Achegar a ciencia e a innovación dende o máis próximo e o cotiá.
- Promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos.
- Espertar a curiosidade e o interese científico a nivel persoal/ colectivo
- Estimular a participación cidadá en procesos científicos.
- Visualizar a ciencia entre os nenos/as e o público en xeral.
Haberá dúas modalidades, a modalidade de Ciencia no cole na participan 10 centros de educación primaria con 14 investigacións e a dos Premios Xoves Investigadorxs (ESO, Bacharelato, e FP) con 6 centros e 14 investigacións.
Principais accións de Ponteciencia
- A realización de obradoiros de formación no método científico. Estes obradoiros teñen como obxectivo explicarlle ao alunado como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Ao mesmo tempo, pretenden facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal de outros proxectos.
- A creación dos comités científicos. Paralelamente aos obradoiros constituíronse comités científicos, formados por mestres/as e investigadores do Campus de Pontevedra e do CSIC, que aportan propostas de investigación a disposición do alunado participante. As videopropostas de investigación que presenta cada comité están fundamentadas e documentadas de modo que facilitan a comprensión e participación das e dos escolares. Este ano graváronse 9 videopropostas de investigación.
- A realización de investigacións. Nesta acción realízanse proxectos de investigación que formarán parte da exposición de Pontenciencia (feira da miniciencia), e do concurso. Elaboráronse entre os meses de xaneiro e maio.
- A celebración da Feira Pontenciencia. Dentro da feira desenvólvese o Concurso Pontenciencia, cuxo obxectivo é poñer en valor e dar visibilidade aos proxectos de investigación presentados. As bases de participación recollen as características que se valoran tales como orixinalidade do proxecto, metodoloxía realizada, presentación de resultados, ...
Feira Ponteciencia
A feira está dividida en tres sesións:
- Ciencia no cole (venres pola mañá): Presentación dos proxectos de investigación dos centros de ensino participantes (5 e 6 de primaria).
- Xoves investigadoras/es (venres pola tarde): Presentación dos proxectos de investigación dos centros de ensino secundario aos Premios de Investigación 2025 “Homenaxe á muller investigadora”.
- Ciencia en familia e Premios (sábado pola mañá): Presentación dos proxectos de investigación das familias participantes (alumno primaria-familiar).
Premios
- Ciencia en familia e ciencia no cole.
- Premios de investigación 2025 "Homenaxe á muller investigadora": Estes premios organízanse para incentivar as vocacións investigadoras e incentivar a creatividade e o enxeño entre os máis mozos/as (ESO, Bacherelato e FP) é ao mesmo tempo, para facer visible o papel das mulleres investigadoras ou pioneiras en calquera ámbito do coñecemento. Os premios están patrocinados por empresas colaboradoras que destacan pola súa labor en I+D+i: Marine Instruments, Carpintería Ceyeda, SETGA, VIAQUA y Cristalería Pontevedresa Os cinco traballos coas puntuacións máis altas recibirán un premio de 300 € cada un.
- Premio Centro oceanográfico de Vigo: Este ano, como novidade convócase tamén O Premio Centro Oceanográfico de Vigo á mellor investigación en ciencias mariñas que premiará a mellor investigación neste ámbito de entre todas as categorías de participación en Pontenciencia.
O programa inclúe a presentación ao xurado dos traballos realizados e tamén aos participantes e público asistente para fomentar o intercambio de coñecementos. A Feira está aberta á cidadanía con acceso libre o venres tarde e sábado pola mañá.
Pontenciencia é un proxecto organizado pola Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra en colaboración coa FECYT – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador entre as e os máis xoves. O proxecto pon ao seu alcance un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación para poder celebrar unha feira de ciencias, que denominamos Pontenciencia. Este ano será a décimo segunda edición.